14/01/2010
UUAA DEMANDA AXUDAS INMEDIATAS Á XUNTA DE GALICIA PARA PALIAR OS DANOS NAS EXPLOTACIÓNS OCASIONADOS POLO TEMPORAL DESTA NOITE
Destaca que nin Meteogalicia nin Protección Civil alertaron á poboación deste fenómeno adverso que se cobrou graves danos materiais entre os produtores
O sindicato Unións Agrarias está a recoller a través da súa rede de oficinas por toda Galicia os datos dos danos materiais ocasionados polo temporal que asolou a Comunidade galega a pasada noite. Neste sentido, e tras constatar os numerosos desperfectos ocasionados nas explotacións gandeiras, a organización sindical demanda da Xunta de Galicia, axudas inmediatas de cara a sufragar os danos provocados por unha climatoloxía adversa que non foi en ningún momento advertida.
Nunha primeira estimación, Unións Agrarias puido comprobar como numerosas explotacións dos concellos de Brión, Muxía, Santa Comba e Rodeiro, entre outros, sufriron cuantiosos danos nas cubertas das instalacións motivados pola forza do vento e o derribo de árbores, así como polos cortes de luz, provocando nalgúns casos incluso unha paralización da actividade gandeira que repercute directamente nas xa debilitadas rendas destes produtores.
Ademais, o sindicato denuncia que o temporal non foi advertido en ningún momento nin polos servizos de Meteogalicia nin por Protección Civil, entidade encargada de adoptar medidas preventivas ante este tipo de fenómenos adversos.
Por todos estes motivos, esixe á Xunta de Galicia que poña en marcha un programa de axudas destinadas ao sector agrogandeiro e se responsabilice da súa falta de información nesta ocasión, o que contribuíu a que os danos fosen de maior consideración e contía.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|