15/01/2010
UUAA ALERTA DE QUE A XUNTA PRETENDE ELIMINAR AS AXUDAS POLOS DANOS PRODUCIDOS POLO XABARIL NAS EXPLOTACIÓNS
Desde as delegacións provinciais estase a informar aos afectados da non renovación desta liña de axudas
Nos orzamentos da Consellería do Medio Rural só aparecen consignados 150.000 euros que coincide cos pagos pendentes de 2009
O sindicato Unións Agrarias quere alertar dos indicios de que o Goberno galego vai eliminar as axudas compensatorias dos danos provocados nas explotacións gandeiras e agrícolas polos xabarís. Así o expuso esta mañá o secretario de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijoo, no decurso dunha rolda de prensa na que subliñou que “estamos comprobando que neste momento non está renovada a liña de axudas; que se ten deshabilitado o sistema de comunicación de danos; que se está a transmitir aos afectados dende as propias delegacións provinciais que non haberá renovación, e que a partida orzamentaria asignada para 2010 ascende unicamente a 150.000 euros, cantidade que coincide sospeitosamente cos danos pendentes de pago do ano 2009”.
Ante todos estes indicios que apuntan a unha clara vontade de eliminación destas axudas, UUAA quere amosar a súa total disconformidade e desacordo, e anuncia medidas contundentes no caso de consolidarse esta medida. Neste sentido, a organización sindical lembra que se está a falar dunhas perdas anuais duns 4 millóns de euros en destrozos de cultivos, peches, roturas de silos, e sobrecustes de resementado de forraxes, etc.; un diñeiro que sae das rendas dos agricultores e gandeiros nuns momentos especialmente delicados para o sector agrario.
As axudas do Goberno que agora parecen desaparecer cubrían unicamente un 25%, xa que tiñan un tope por explotación e ano, de 1.500 euros, cantidade insuficiente para moitas das explotacións afectadas. Sen embargo, esta acción supoñía un primeiro paso sobre o que ir avanzando ata plantexar o cambio completo da Lei de Caza de Galicia, na mesma liña que outras Comunidades Autónomas como Asturias, onde o dano da fauna salvaxe, que obviamente non ten dono, é directamente asumido na súa totalidade pola Administración. Unicamente se lle esixiría de forma subsidiaria aos cazadores, cando houbera unha manifesta ou neglixente mala xestión do coto de caza.
Na actualidade a lexislación de caza galega, outorga a responsabilidade do pago dos danos aos Tecores e Sociedades de Caza, é dicir, aos cazadores, que non contan con medios económicos para facer fronte aos danos, e que en todo caso obrigan aos agricultores e gandeiros afectados a recorrer a unha custosa vía xudicial, que remata as máis das veces coa declaración de insolvencia e sen cobrar. A posta en marcha das liñas de axudas públicas, aínda limitadas na súa contía, foi un primeiro intento de corresponsabilizar ao conxunto da sociedade no coidado da fauna salvaxe e na asunción dos custes que leva asociados.
Jacobo Feijoo subliñou ademais que agricultores e gandeiros galegos amosan unha actitude seria e responsable con respecto ao coidado do medio ambiente, e están de acordo en que hai que colaborar no mantemento da fauna salvaxe e cinexética, “pero precisan da colaboración do conxunto da sociedade”. “Non ten lóxica que o custe de poder contar cunha fauna salvaxe no noso medio natural, recaia unicamente sobre as rendas do eslavón economicamente máis débil, como é do sector primario rural”, afirmou.
Referíndose á supresión das axudas por parte do Goberno galego, o secretario de Desenvolvemento Rural destacou que dende o rural galego non se entendería unha medida regresiva deste calado, que se sumaría a outras actuacións e actitudes desafortunadas para co medio rural.
Finalmente, Jacobo Feijoo reiterou que “mentres non se cambie o marco normativo da responsabilidade dos danos da fauna salvaxe, UUAA solicita a aposta polo sistema de axudas públicas, como forma máis solidaria e socialmente responsable de facer fronte aos danos dos xabarís nas explotacións”.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|