26/01/2010
UUAA E A CÁMARA AGRARIA CHECA COINCIDEN EN QUE A NOVA PAC DEBERÁ PRIORIZAR O DESENVOLVEMENTO RURAL E A PROTECCIÓN AMBIENTAL
A organización sindical e a entidade checa exporán as súas achegas ao deseño da nova PAC nunha xornada que terá lugar mañá no Hotel Congreso de Santiago
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o presidente da Cámara Agraria da República Checa, Jan Veleba, presentaron hoxe en rolda de prensa a xornada de difusión de resultados da campaña A PAC e os novos desafíos para o medio rural, que se exporán mañá mércores no decurso dunha xornada que terá lugar no Hotel Congreso. Durante este encontro, tanto UUAA como a Cámara Agraria checa porán de manifesto que a PAC comprende cuestións máis aló das estritamente produtivas, xa que entre as súas prioridades destacan o desenvolvemento rural e a protección ambiental.
“É unha política que aborda os novos retos aos que debe facer fronte a sociedade e nos que a agricultura ten un especial protagonismo: cambio climático, xestión da auga, enerxías renovables e conservación da biodiversidade”, sinalou Roberto García na presentación da xornada.
Tanto o secretario xeral de Unións Agrarias como o presidente da Cámara Agraria checa lembraron que durante este semestre da Presidencia española da UE, deseñarase a PAC a partir do 2013. Neste sentido, Unións Agrarias demanda que esta nova reforma implique a posta en marcha dunha das súas reivindicacións históricas: o establecemento dun verdadeiro sistema de modulación das axudas que limite as cantidades percibidas polos grandes produtores. “Resulta paradoxal –explicou Roberto García– que no conxunto da UE haxa uns 710 produtores que perciben anualmente máis dun millón de euros en concepto de pagos directos, 165 dos cales se radican en España, a maioría a nome de sociedades domiciliadas no madrileño Paseo de la Castellana”.
Ante esta circunstancia, UUAA avoga porque os cartos detraídos a estes grandes produtores se empreguen para garantir a supervivencia das pequenas explotacións, que desempeñan un papel fundamental para o desenvolvemento económico, social e a conservación medioambiental das zonas rurais, que en Galicia representan o 88,14% do territorio.
Pola súa banda, Jan Veleba salientou a importancia da PAC nun escenario como o actual no que a crise está presente en todos os sectores produtivos, “así como para reforzar a competitividade ante países como USA con capacidade para introducir nos mercados europeos os seus produtos”. O presidente da Cámara Agraria checa destacou que a entrada do seu país na UE en 2004 foi acollida entre os produtores checos como unha oportunidade comercial e subliñou a necesidade de que a nova PAC achegue cohesión a todo o sector agrogandeiro europeo.
Ademais, Unións propón unha PAC forte cun financiamento acorde ás necesidades do campo galego, ao tempo que demanda diálogo e transparencia no sector agrario nas políticas adoptadas e na formación de prezos nos diferentes produtos; así como a defensa da explotación familiar como modelo europeo.
Roberto García lembrou ademais como dentro da UE distintos estados defenden posturas xerais bastante parecidas. Así, nun primeiro bloque formado por Francia, España, Finlandia, Grecia e posiblemente con Bélxica, Italia e Portugal, que defenderían que a PAC debe manter un nivel orzamentario semellante ao actual e un segundo bloque integrado por Reino Unido, Suecia, Holanda e Dinamarca, que apostan por teses liberalizadoras, reducindo a importancia da PAC e reforzando o mercado.
A xornada A PAC e os novos desafíos para o medio rural desenvolverase no marco dun programa que está a executar a organización agraria galega grazas a unha axuda a medidas de información no ámbito da política agraria común cofinanciada nun 50% pola Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea.
Ao encontro está previsto que asistan 200 agricultores, xestores de cooperativas, outros profesionais do medio rural, representantes sindicais, xornalistas e outros traballadores do medio rural.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|