10/02/2010
UNIÓNS AGRARIAS INSTA A XUNTA DE GALICIA A QUE POÑA EN MARCHA AS INFRAESTRUTURAS NECESARIAS PARA O ACCESO DE CALIDADE Á TDT
O sindicato constatou o rexistro de incidencias en numerosas aldeas do rural repartidas por toda a Comunidade galega
En total, familias de máis de 16 concellos galegos están tendo problemas para acceder á TDT
O sindicato Unións Agrarias vén de instar á Xunta de Galicia, e concretamente á Secretaría Xeral de Comunicación, a que adopte todas as medidas necesarias para garantir o acceso de calidade de todos os núcleos da xeografía galega á Televisión Dixital Terrestre (TDT). A organización sindical realiza esta demanda despois de constatar a existencia de numerosas deficiencias no acceso a esta tecnoloxía televisiva en distintas localidades de Galicia, segundo un informe elaborado con base na información recollida nas súas oficinas.
Así, en zonas nas que xa se produciu o apagón analóxico, Unións Agrarias constatou deficiencias en núcleos rurais de Muxía, Curtis, Tordoia, Mazaricos, Ribeira, A Porquería, Vilar de Barrio e Silleda. Ademais, en áreas nas que se produciu o acendido dixital pero o apagón analóxico terá lugar o 3 de abril, recolléronse incidencias no acceso á TDT na zona do Salnés, A Estrada, Oia, Folgoso do Courel, Paradela, Sarria, Bóveda e A Fonsagrada, onde o 18% da poboación leva dende abril de 2008 sen recibir ningún tipo de sinal, nin analóxica nin dixital.
No apartado de axudas para o acceso á TDT, Unións Agrarias lembra que o Goberno galego recibiu máis de medio millón de euros do Ministerio de Industria que distribuíu entre os concellos de Galicia para facilitar o despregamento da TDT. Algúns destes concellos beneficiarios das axudas presentan agora problemas, por exemplo Oia, Folgoso do Courel ou Curtis.
Ademais, o Ministerio de Industria, a través do Plan de apoio aos colectivos con risco de exclusión social, cedeu un decodificador básico por fogar aos cidadáns con máis de 65 anos con dependencia recoñecida de grao 2 ou 3, á poboación con discapacidade auditiva o visual e grao total de discapacidade igual ou superior ao 33% e aos maiores de 80 anos que vivan sós ou estean acompañados por outra persoa que supere tamén esa idade.
No entanto, e ante as incidencias detectadas, Unións Agrarias puido saber que as vivendas que teñan que instalar un receptor de sinal vía satélite teñen que correr cos gastos. Unha instalación básica custa arredor de 300 € e está composta por un receptor vía satélite por cada televisor, unha antena parabólica, a instalación do cableado e a man de obra.
Neste sentido, Unións Agrarias demanda ao departamento xestionado por Alfonso Cabaleiro Durán e ao operador público de telecomunicacións Retegal S.A. a posta en marcha das infraestruturas necesarias para permitir o acceso á TDT á totalidade da poboación galega e que se compensen os sobrecustos aos que están obrigados a acometer os propietarios das vivendas situadas en zonas de sombra de cobertura e cuxa única alternativa é a instalación dun receptor vía satélite.
Por outra banda Unións Agrarias esixe ás administracións competentes que impidan o trato desigual e de cidadáns de segunda ao que se ven sometidos os habitantes das zonas rurais ao impedirlles o acceso aos novos servizos ofrecidos pola TDT.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|