12/02/2010
UNIÓNS AGRARIAS INSTA A XUNTA A QUE CUMPRA OS SEUS COMPROMISOS E ESTIME AS ALEGACIÓNS PARA COMPATIBILIZAR O USO AGROGANDEIRO COA DECLARACIÓN DE ZONAS DE PROTECCIÓN AMBIENTAL
O sindicato denuncia que o Goberno galego non ten intención de incluír as modificacións necesarias na Lei do solo para garantir os usos agrogandeiros e naturais dos espazos protexidos
UUAA solicitou unha entrevista co conselleiro de Medio Ambiente e dirixirase tamén aos tres grupos parlamentarios para abordar a situación da ZEPA da Limia
O sindicato Unións Agrarias insistiu esta mañá na necesidade de proceder ás reformas legais que garantan a compatibilidade da ZEPA da Limia co futuro do desenvolvemento agrario da comarca. Así o expuxeron en Ourense o secretario de Acción Sindical, Xosé Ramón González, e o secretario de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijoo. Ademais, a organización denunciou o feito de que hoxe en día non consta que a Xunta estea considerando os compromisos contraídos tanto na Mesa de negociación da ZEPA durante a pasada lexislatura, como os asumidos polo actual Goberno con diferentes colectivos en distintos foros de negociación, con declaracións repetidamente anunciadas nos medios, onde se garantiría por parte da Xunta o futuro agrario da ZEPA da Limia.
Neste sentido, os dous responsables sindicais destacaron que estas consideracións non están incluídas no Anteproxecto de lei para a reforma da do solo de Galicia, sobre o que xa emitiu o seu ditame o Consello Económico e Social de Galicia o pasado mes de decembro. Segundo salientou Jacobo Feijoo: “de non incorporarse, non será posible garantir o axeitado desenvolvemento da actividade agraria na superficie da ZEPA”.
O secretario de Desenvolvemento Rural salientou que mentres non se reforme a Lei galega do solo, a declaración da ZEPA implicará que automaticamente toda esa superficie pase a ser solo rústico de especial protección dos espazos naturais, o que leva consigo que non se poidan construír novas naves, galpóns, granxas ou instalacións para o aproveitamento dos recursos forestais.
Xosé Ramón Gónzalez lembrou que na actualidade se está a negociar a reforma da Lei do solo de Galicia, e existe un compromiso do Goberno galego en que a declaración dunha ZEPA, ou Rede Natura 2000 en xeral, non implique automaticamente a prohibición de determinados usos, senón que estes usos serán permitidos ou non en función do que estableza o Plan de xestión da ZEPA, o que se considera como unha porta aberta a poder planificar de xeito racional.
Segundo salientaron os dous responsables sindicais, na actualidade non consta que estas anunciadas e necesarias reformas se teñan trasladado de xeito ningún ao texto do anteproxecto de lei, o que abocaría os agricultores da Limia a un escenario moi complicado de cara ao inmediato futuro, no que respecta á continuidade da actividade agraria e ao pleno desenvolvemento dos plans de regadío previstos.
Pola contra, segundo salientou Jacobo Feijoo, unha reforma legal como a proposta, e un Plan de Xestión da ZEPA axeitado, permitirían establecer, dentro da superficie clasificada como ZEPA, unha zonificación de 5 niveis, de máxima restrición (onde se pode prohibir construír por exemplo), ata mínima restrición (onde se podería autorizar novas granxas ou a ampliación das existentes, aínda dentro da ZEPA).
Neste sentido, Xosé Ramón González demandou un esforzo de adaptación do marco legal vixente, cualificándoo como vital para lograr cumprir o requisito da declaración, e acadar a protección das aves, pero sen que iso implique “que vaia quedar hipotecado nin a actividade agraria actual na Limia, nin o plan de desenvolvemento dos regadíos”.
Así, desde Unións Agrarias reiterouse que desde o inicio do proceso de declaración da ZEPA da Limia se vén insistindo en que é posible compatibilizar a continuidade dunha agricultura moderna, sustentable e respectuosa co medio ambiente, coa protección das aves que esixe a Directiva de aves da UE.
Neste sentido, UUAA solicitou unha reunión de traballo para abordar este tema co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ao tempo que tamén se dirixirá aos tres grupos con representación parlamentaria para explicarlles a situación.
Sentenza europea
A necesidade da declaración da ZEPA da Limia, xorde do cumprimento da Sentenza do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, do 28 de xuño de 2007. A sentenza establecía que o Reino de España non clasificara como ZEPA o número suficiente de territorios en varias comunidades autónomas, entre elas Galicia, para ofrecer unha protección a todas as especies de aves enumeradas no Anexo I da Directiva 79/409/CEE (coñecida como Directiva Aves), así como ás especies migratorias non recollidas no dito anexo.
No ano 2007 o proxecto de Decreto de declaración da ZEPA da Limia afectaba a 10.383 ha. Hoxe en día, a declaración da ZEPA afecta a 6.939 ha e 7.559 ha que pasarían a ter a consideración de Zona Periférica de Protección, nova figura da Lei estatal de conservación da biodiversidade 42/2007, onde unicamente se promoverán prácticas agroambientais voluntarias.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|