18/02/2010
UNIÓNS AGRARIAS INSTA AO GOBERNO CENTRAL A QUE AXILICE A EXECUCIÓN DO PLAN DE CHOQUE DO SECTOR AGROGANDEIRO COMPROMETIDO POR ZAPATERO EN DECEMBRO
Destaca que na Presidencia española da Unión Europea se conseguiu introducir o debate sobre a caída dos prezos e a falta de rendibilidade
Demandan outra serie de medidas nacionais como iniciativas lexislativas e mecanismos de regulación de mercados e control de prezos
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o seu homólogo de UPA, Lorenzo Ramos, instaron hoxe ao Goberno central a que axilice a execución das medidas contempladas no Plan de Choque do sector agroalimentario comprometido por José Luis Rodríguez Zapatero, na reunión que mantivo coas organizacións agrarias o pasado mes de decembro. Neste sentido, Roberto García e Lorenzo Ramos salientaron que desde que se producira aquel encontro téñense dados tímidos avances na posta en marcha desta iniciativa. Os dous secretarios xerais de Unións Agrarias e UPA compareceron en rolda de prensa para abordar a situación actual do sector agrogandeiro galego e español.
Así, Lorenzo Ramos destacou que esta mesma semana se lle trasladou á ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño a necesidade de levar a cabo este plan poñendo en marcha as principais accións no prazo dunha semana xa que de nos ser así, “os agricultores e os gandeiros non van a poder aguantar máis esta situación”, afirmou. Neste sentido, tras anunciar que Elena Espinosa participará na clausura do 8º Congreso Nacional de Unións Agrarias que se desenvolve este venres e este sábado, Roberto García amosou a súa confianza en que a ministra anunciará medidas a prol do sector neste escenario.
O secretario xeral de UPA lembrou que este Plan de choque recolle medidas como unha línea de financiamento que establece unha moratoria nos créditos oficiais a agricultores e gandeiros. Neste sentido, subliñou que o Goberno central propón un prazo máximo de un ano de moratoria, mentres que a organización sindical aposta por dous anos, incluso asumindo os produtores o pago dos intereses dun deles. Ademais, tamén inclúe unha liña de préstamos do ICO para o sector; mellora nas tarifas eléctricas das explotacións e outra accións de caracter fiscal como a suba do IVA nun punto aos gandeiros.
Ademais, Roberto García destacou o compromiso de José Luis Rodríguez Zapatero de reunirse cos representantes do sector a finais do mes de febreiro para analizar o seguimento das medidas postas en marcha.
Lorenzo Ramos subliñou por outra banda, que o Goberno central si está a facer ben as cousas no que atinxe á Presidencia española da Unión Europea xa que conseguiu introducir nas primeiras reunións dos Consello de Ministros europeos un debate en torno á caída de prezos e a falta de rendibilidade no sector agrogandeiro. Neste mesmo escenario, tanto o secretario xeral de UPA como o de Unións Agrarias lembraron que se está procedendo ao deseño dunha nova PAC a partir de 2013, ante a que amosaron a necesidade de que estas liñas de políticas sexan fortes e conten co orzamento necesario ademais de recoñecer o carácter estratéxico do sector. Lorenzo Ramos destacou que xa se ten reunido en dúas ocasión co novo comisario europeo de Agricultura e Roberto García anunciou que se ten cursado unha solicitude de encontro co novo comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia.
Ademais, Lorenzo Ramos e Roberto García destacaron que a saída da actual situación dos produtores españoles non só pasa por un plan de choque e unha PAC máis forte senón que demandaron outra serie de accións de carácter nacional como iniciativas lexislativas; unha OCM única e acordos nos diferentes sectores que introduzan mecanismos de regulación do mercado e control de prezos.
Finalmente, referíndose ao Tribunal da Competencia español, os dous secretarios xerais cualificaron de incongruente o feito de que se apliquen as mesmas normas ao sector lácteo que a outros da economía estatal e avogaron por seguir o exemplo de países como Estados Unidos e Suíza.
|