20/02/2010
NA CLAUSURA DO 8º CONGRESO NACIONAL GALEGO UNIÓNS AGRARIAS APROBA OS SEUS PRINCIPAIS ÓRGANOS DE XESTIÓN CUN AMPLO APOIO DOS SEUS AFILIADOS
Ademais das seis actuais secretarias, créanse outras tres que serán asumidas por tres mulleres
A ministra de Medio Ambiente comprométese a situar a agricultura e a gandería nun lugar prioritario na Presidencia española da UE
Cándido Méndez avoga por rematar co feito de que non se recompense o traballo dos produtores e aposta por cambiar a economía de mercado da UE
O presidente da Xunta fai un chamamento ao Goberno central para que escoite a voz dos produtores galegos de cara ao deseño da nova PAC
O sindicato Unións Agrarias vén de proclamar esta mañá os resultados das deliberacións en torno á composición dos órganos de xestión da organización durante os vindeiros catro anos. Así, a lista proposta por Roberto García, que se proclamou novo secretario xeral do sindicato, para a Comisión Executiva Nacional Galega recibiu un respaldo do 85,58%.
Ademais, a lista para o Comité Federal de UPA foi apoiada polo 94,24%, e a do Comité Nacional UGT Galicia, polo 93,27%. Durante a súa intervención, xa na clausura, Roberto García, agradeceu o apoio e respaldo prestado á súa acción a través destes resultados e comprometeuse a seguir defendendo con toda a súa forza os intereses dos produtores de Galicia.
A proclamación dos resultados realizouse antes do acto de clausura do 8º Congreso Nacional Galego de UUAA ao que asisiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa; o secretario de UGT Confederal, Cándido Méndez, e o secretario xeral de UPA, Lorenzo Ramos.
Poñer as pilas
Na súa intervención, Lorenzo Ramos tivo palabras de felicitación para Roberto a súa Executiva, destacando que xa ten realizado un importante traballo pero que lle quedan por diante grandes retos nos vindeiros catro anos. O secretario xeral de UPA destacou que a tarefa máis importante desta organización pasa por da estabilidade ao sector agroalimentario para o que é preciso denunciar a situación actual que vive e contar as cousas que están sucedendo. “Nos viñemos a Galicia a poñernos as pilas”, afirmou, ao tempo que engadiu “para loitar con ilusión e orgullo polo noso traballo”.
Pola súa banda, Cándido Méndez quixo coa súa presenza en actos coma este, aos que recoñeceu que non solía asistir, xa que unicamente soe participar naqueles rexionais da súa organización, pretendía recoñecer e respaldar o empuxe desta organización sindical. O secretario de UGT recoñeceu que este sector posúe unha características moi singulares e destacou que a política comunitaria de mercado desenvolvida ata o momento protexeu aos especuladores e abandonou aos emprendedores, especialmente a agricultores e gandeiros. “Temos que rematar coa situación de non recompensar o traballo dos produtores”, afirmou e apostou por unha vez superada esta crise “remar todos na mesma dirección”.
A ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño comprometeuse en nome do Goberno estatal a situar a agricultura e a gandería nunha liña prioritaria de actuación na Presidencia española da Unión Europea. Neste sentido,dixo que o Executivo de Rodríguez Zapatero está a impulsar unha política agraria común a partir de 2013 promovendo un amplo debate en torno a esta cuestión e ao seu deseño, especialmente no relativo a xestión de mercado e xestión de crise. Ademais, o Goberno español defende a necesidade de fomentar a competitividade agrícola e da industria agroalimentaria no escenario europeo.
Agro galego moderno
Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, destacou a forza e o pulo que define o agro galego tras vivir un proceso de modernización. “En poucos anos –explicou-, Galicia converteuse nun país moderno grazas a un labor colectivo do que todos nos podemos gabar. Superando atrancos, deixando atrás tópicos e desmentindo teorías, a nosa terra deixa as fronteiras do desenvolvemento para tomar o rumbo do progreso”.
Sobre a reforma da PAC, Núñez Feijoo destacou que “os obxectivos están claros: garantir a capacidade produtiva dos nosos labregos e gandeiros; que a PAC sexa unha rede de seguridade do sector; e por último, que haxa mecanismos dabondo para unha xestión eficaz dos mercados”. Neste sentido, dirixiuse ao Goberno central para que participe no pacto agrario galego e escoite a voz de Galicia “porque é unha das grandes potencias agrarias de Europa”.
Unha Executiva con máis mulleres que homes
A nova executiva de Unións Agrarias constituída e avalada por este congreso conta cunha composición de máis mulleres que homes, así, de 19 membros, 18 son mulleres e 8 homes. Ademais, a súa permanente queda constituída por José Rodríguez, Javier López, Javier Iglesias, Xosé Ramón González, Jacobo Feijoo, e Óscar Pose que revalidan os seus postos, e entran, asumindo secretarias de nova creación, Verónica Marcos, para Igualdade; Áurea Barreiro para Emprendedores do Rural e Autónomos; e Cristina Fraga, para Medio Ambiente e Cambio Climático.
(Xúntase composición da Comisión Executiva Nacional Galega de UUAA-UPA)
COMISIÓN EXECUTIVA NACIONAL GALEGA
DE UNIÓNS AGRARIAS-UPA
COMPOSICIÓN:
Secretario xeral de Unións Agrarias
ROBERTO GARCÍA GONZÁLEZ
Nado en 1958, Roberto García está casado e é pai de un neno. Cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e foi autónomo gandeiro productor de leite en Vilares, Rodeiro (Pontevedra).
Secretario xeral de Unións Agrarias desde 1989, foi ademais secretario de Administración de UPA entre 1987 e 1995, sendo adxunto desde ese ano ata 2001á Secretaría Xeral de UPA e no período 2001-2005, vicesecretario xeral desta organización.
En maio de 2002 foi nomeado presidente da Cámara Agraria Provincial de A Coruña, posto que ocupou ata xuño de 2006.
Roberto García é membro ademais do Comité Confederal de UGT; do Consello Nacional de UGT Galicia, e do Consello Federal de UPA. Ademais, desde 2006 forma parte do Consello Agrario Galego e do Consello de Administración de Agromutua-MAVDA.
Membro do Consello Económico e Social de Galicia-CES e do Consello Económico e Social da cidade de Santiago, tamén forma parte do Consello Forestal de Galicia e do Padreado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo-CETAL, en representación dos productores e cooperativas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Secretario de Organización
JOSÉ RODRÍGUEZ
Traballa para Unións Agrarias desde 1999. En 2000 asumiu o cargo de secretario xeral da Terra Cha e forma parte da Executiva da organización desde 2006. En xullo de 2009 asumiu a Secretaría de Organización, en substitución de Pablo Garcia, cargo que revalida neste 8º Congreso.
Secretario de Administración
JAVIER LÓPEZ
Ingresou e Unións Agrarias en 1989 e forma parte da Executiva desde 1999. En 2006 asumiu a Secretaría de Administración tras pasar pola de Organización e logo por Administración e Servizos. Ademais, é o responsable do sector avícola de Unións Agrarias e de UPA, e profesionalmente é titular dunha explotación avícola.
Secretario de Vacún de Leite e Producións Intensivas
JAVIER IGLESIAS
A punto de cumprir xa os 15 anos en Unións Agrarias, Javier Iglesias, forma parte da Executiva desde 2003, actuando nos primeiros anos como secretario de Gandería. Posteriormente asumiu a Secretaría de Servizos e Asistencia Técnica, cargo que abandonou para ocuparse da Secretaria de Acción Sindical na área de Gandería. Ademais, xestiona unha explotación láctea.
Secretario de Agricultura e Producións Extensivas
XOSÉ RAMÓN GONZÁLEZ
Ingresou en Unións Agrarias en 1996 e posteriormente foi secretario comarcal de Verín. Incorporouse á Executiva en 2006 como secretario de Agricultura e Produccións Ecolóxicas e na actualidade era secretario de Acción Sindical da área de Agricultura.
Secretaria para a Igualdade
VERÓNICA MARCOS
Licenciada en Filoloxía Galega, é propietaria dunha queixería nas Nogais que elabora queixo do Cebreiro e dunha pequena explotación de leite, cuxa producción destina ao queixo. Afiliada de Unións Agrarias, è responsable de FADEMUR Galicia en Lugo, onde coordina o proxecto de artesáns para ARTEMUR e o plan Avanza de Si Rural.
Secretaria de Emprendedores do Rural e Autónomos
ÁUREA BARREIRO
Ten traballado para Unións Agrarias desde a constitución da organización en 1983. Na actualidade é membro da Comisión Executiva da Unión Comarcal de Ourense Occidental (Comarca do Ribeiro) e é responsable de FADEMUR Galicia nesta comarca ourensá, coordinando o tema de artesáns que participan no proxecto Artemur.
Secretario de Servizos e Infraestruturas
ÓSCAR POSE ANDRADE
Enxeñeiro técnico agrícola e técnico superior en Prevención de Riscos Laborais, Óscar Pose ten traballado en varias empresas do sector agroalimentario. É membro da Executiva Permanente de Unións Agrarias onde se ocupaba da Secretaría de Servizos.
Secretario de Desenvolvemento Rural e Producións Forestais
JACOBO FEIJOO
Membro de Unións Agrarias desde 1989, ocupouse ata a actualidade da Secretaria de Desenvolvemento Rural, Medio Ambiente e Forestal.
Secretaria de Medio Ambiente e Cambio Climático
CRISTINA FRAGA
Técnico de Aconsellamento na Asociación para o Desenvolvemento Rural Ódega, é afiliada de Unións Agrarias e responsable desde 2007 da oficina de Guitiriz da Comarca de Terra Cha.
Secretarios Executivos
- Mariano López Nieves
- Begoña Liñares García
- Milagros Cazón Seijas
- José Luis Tomé Fouce
- Mª del Carmen Cores Vázquez
- Marina Sanmartín Maril
- Rosa Carrodeguas Guerreiro
- Ana Mª Valiña Crespo
- Lucía Lorenzo Lantes
|