09/03/2010
UNIÓNS AGRARIAS REÚNESE COS GRUPOS PARLAMENTARIOS PARA PEDIRLLES QUE INTERCEDAN NA REFORMA DA LEI DO SOLO DE CARA A GARANTIR O USO AGROGANDEIRO DA ZEPA DA LIMIA
O sindicato denuncia que o Goberno galego non ten intención de incluír as modificacións necesarias na Lei do solo para garantir os usos agrogandeiros e naturais dos espazos protexidos
O secretario de Agricultura e Gandería Extensiva de Unións Agrarias, Xosé Ramón González, manterá esta tarde cadansúa reunión con representantes dos grupos parlamentarios do PSdeG-PSOE e PPdeG co fin de trasladarlles a necesidade de proceder ás reformas legais que garantan a compatibilidade da ZEPA da Limia co futuro do desenvolvemento agrario da comarca.
Nas xuntanzas, que comezarán ás 16:00 horas, Xosé Ramón González informaraos de que hoxe en día non consta que a Xunta estea considerando os compromisos contraídos tanto na Mesa de negociación da ZEPA durante a pasada lexislatura, como os asumidos polo actual Goberno con diferentes colectivos en distintos foros de negociación, con declaracións repetidamente anunciadas nos medios, onde se garantiría por parte da Xunta o futuro agrario da ZEPA da Limia.
Neste sentido, estas consideracións non están incluídas no anteproxecto de Lei para a reforma da Lei do solo de Galicia, sobre o que xa emitiu o seu ditame o Consello Económico e Social de Galicia o pasado mes de decembro. Así, mentres non se reforme a Lei galega do solo, a declaración da ZEPA implicará que automaticamente toda esa superficie pase a ser solo rústico de especial protección dos espazos naturais, o que conleva a que non se podan construír novas naves, galpóns, granxas, ou instalacións para o aproveitamento dos recursos forestais.
Xosé Ramón Gónzalez lembrou que existe un compromiso do Goberno galego de que a declaración dunha ZEPA, ou Rede Natura 2000 en xeral, non implique automaticamente a prohibición de determinados usos, senón que estes usos serán permitidos ou non en función do que estableza o Plan de xestión da ZEPA, o que se considera como unha porta aberta a poder planificar de xeito racional.
De non trasladarse estas consideracións ao novo texto legal, os agricultores da Limia estarían ante un escenario moi complicado de cara ao inmediato futuro, no que respecta da continuidade da actividade agraria e ao pleno desenvolvemento dos plans de regadío previstos.
Pola contra, unha reforma legal como a proposta, e un Plan de Xestión da ZEPA axeitado, permitirían establecer dentro da superficie clasificada como ZEPA, unha zonificación de 5 niveis, de máxima restrición (onde se pode prohibir construír por exemplo), ata mínima restrición (onde se podería autorizar novas granxas ou a ampliación das existentes, aínda dentro da ZEPA).
Neste sentido, Xosé Ramón González demandou a cooperación dos tres grupos parlamentarios para que o anteproxecto de reforma da Lei do solo de Galicia contemple esta compatibilidade dos usos agrogandeiros cos espazos naturais.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|