10/03/2010
UNIÓNS AGRARIAS DESTACA QUE A XUNTA RECORTA AXUDAS ÁS EXPLOTACIÓNS MÁIS DESFAVORECIDAS POR UN IMPORTE DE 6,3 MILLÓNS DE EUROS
Ademais, demanda que o Goberno cree unha liña de axudas dotadas con 7,7 millóns de euros destinada ás 2.971 explotacións que non recibirán axudas da PAC
Pide que compense o recorte de 2,8 millóns de euros para a recría de xovencas
Un total de 266 explotacións da provincia de Lugo non percibirán axudas da Política Agraria Común (PAC) por non atoparse en zonas de montaña ou desfavorecidas. Así o anunciaron esta mañá o secretario de Organización de Unións Agrarias, José Rodríguez, e o secretario de Agricultura e Gandería Extensiva, Xosé Ramón González no decurso dunha rolda de prensa en Lugo na que instaron á Xunta de Galicia a que arbitre solucións compensatorias para as explotacións que deixarán de percibir estas axudas e outras de carácter autonómico. En total, o sindicato cifra en máis de 16 millóns de euros o importe das axudas que non recibirán as explotacións máis desfavorecidas.
Así, no que se refire ás axudas da PAC, José Rodríguez destacou que a organización demanda ao Goberno galego que articule unha liña de axudas dotada con 7,7 millóns de euros, semellante á do Executivo asturiano para compensar as 2.971 explotación galegas que non as percibirán este ano.
O sindicato lembra como as axudas da PAC están dotadas con 40,2 millóns de euros destinadas a explotación ubicadas en zonas de montaña e con limitacións específicas; en zonas desfavorecidas por despoboamento e para as explotacións que ademais dos anteriores supostos dispoñan de base territorial para alimentación do gando produtor de leite, segundo apuntou José Rodríguez.
Unións Agrarias destaca ademais que as modificacións introducidas noutras convocatorias de axudas tamén mingúan os ingresos das explotacións. Así, no que atinxe ás axudas de recría de xovencas, Xosé Ramón González lembra que había un acordo da Xunta de Galicia de completar o orzamento de 1 millón de euros destas subvencións con fondos do PDR. “A Consellería non o fixo e 2.649 explotacións galegas quedaron fora pro falta de creto”, afirmou. Neste capítulo, o Goberno galego debería compensar o recorte achegando 2,8 millóns de euros.
En relación cos axudas a zona extensivas, Xosé Ramón González destacou ademais que se rexistraron recortes en tres liñas de axudas básicas para as rendas desta explotacións, ubicadas en zona de montaña, cunha dependencia do 50% deste tipo de axudas públicas e no umbral da supervivencia. Así, nas axudas de carácter compensatorio, en 2009 destináronse 12,5 millóns de euros cunha media de 1.500 euros por explotación. A dotación para este 2010 é de 8,75 millóns de euros e unha media por explotación de 1.150 euros.
No que atinxe ás axudas do Centro de control integrado, houbo 2.954 solicitudes e aprezouse unha diminución por axuda duns 500 euros. Finalmente, Xosé Ramón González salientou que nas axudas a razas autóctonas, das 1.117 solicitudes, denegáronse 340 e contaron cun orzamento de 0,8 millóns de euros, un 30% menos que en 2009.
Ademais, o secretario de Agricultura e Gandería Extensiva lembrou que o sindicato apostou por incrementar estas axudas cunha liña innovadora que compensase a labor medioambiental realizada polas explotacións, unha acción que aínda non foi atendida polo Executivo autonómico. Todo isto fai que a organización considere inaceptables as reducións rexistradas e totalmente insuficientes para a rendibilidade das explotacións galegas polo que non desbota a posibilidade de iniciar accións reivindicativas.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|