22/06/2010
UUAA PREGUNTA Á XUNTA POLO NIVEL DE CUMPRIMENTO DOS CUPOS DE CAZA DO XABARIL POR PARTE DOS TECORES
As ganderias galegas están a sufrir unha das peores vagas de ataques
Unións Agrarias vén de dirixírse por escrito á Consellería de Medio Rural para interesarse polo grao de cumprimento dos Plans Técnicos de Xestión de Caza, que teñen aprobados os TECOR de Galicia, e nos cales se fixan os cupos de xabarís que deben ser cazados na temporada de caza.
O sindicato quere denunciar a absoluta indefensión na que se atopan os produtores que ven como o seu traballo se ve arruinado polo ataque desta fauna cuxos danos son pagados mal e tarde por parte da Consellería do Medio Rural.
En Galicia, véñense cazando uns 6.000 xabarís ao ano, cifra insuficiente para que sexa compatible na maior parte dos concellos de Galicia a poboación destes animais coa actividade de agricultores e gandeiros.
UUAA pretende dispoñer da información necesaria de cara a facer un seguimento exhaustivo da xestión cinexética feita polos cazadores no territorio para poder esixir medidas extraordinarias –se fose o caso-, así como a intervención directa da Xunta de Galicia naqueles supostos onde o insuficiente esforzo de caza dese lugar a un alto nivel de danos nos cultivos de agricultores e gandeiros.
Igualmente é unha información importante para conseguir por parte da Consellería a aprobación inmediata de esperas e batidas extraordinarias durante a veda do xabaril, naqueles casos previstos pola Lei de caza de Galicia, que permite este tipo de autorizacións extraordinarias, en calquera época do ano, sempre e cando se demostre a existencia reiterada de danos.
Os gandeiros apostan pola convivencia co xabaril, pero non a custa das súas minguadas rendas, máis minguadas se cabe despois dos recortes das axudas da PAC, polo que esixen da Xunta, como principal Administración, que lidere a busca de solucións, e se deixe de escudar na lexislación europea para non tomar medidas.
|