30/06/2010
UUAA CONFIA QUE O TRÁMITE XUDICIAL POÑA FIN ÁS MENTIRAS
As reiteradas acusacións de Rodríguez Miranda de financiamento ilegal e delito electoral parecen substanciarse só nunha cuestión de fe
O anuncio do PPdeG dunha denuncia, sen concretar contra quen, supón unha nova entrega dunha farsa na que amosa pouco respecto pola Xustiza
Unións Agrarias, diante das informacións coñecidas na tarde de hoxe a través do medios de comunicación, manifesta o seu asombro pola absoluta falta de respecto que amosa o Partido Popular cara á xustiza, xa que na súa teima de manter artificiosamente a sarta de mentiras que vén vertendo desde hai un mes sobre o sindicato, chega a anunciar unha denuncia sen sequera concretar contra quen.
O sindicato constata que o anuncio desta tarde é unha proba clara da sintonía entre o Partido Popular e os equipos de investigadores da Consellería de Presidencia que, encabezados por Alfonso Rueda, e con formas do antigo Tribunal de Orden Público, perseguiron e presionaron a agricultores e gandeiros ao longo destes días para extraer das declaracións argumentos para a súa farsa xudicial.
Unións Agrarias reitera a súa confianza na xustiza, porque sabe que nese marco se van ver salvagardos os seus dereitos, e nese sentido lémbralle ao Partido Popular e ós artífices da campaña de difamación que veu sufrindo a organización nestes días, que as falsas denuncias non as ampara a actividade política e que o abuso de poder por parte de funcionarios públicos é un delito penado.
Finalmente, a organización sindical manifesta a súa sorpresa polo feito de que esa denuncia contra ninguén será presentada no xulgado de Corcubión, cando os ámbitos para xulgar os principais destinatarios das súas acusacións -e segundo Miranda, “cerebros da trama”-, Pablo García e Ricardo Varela, deberían ser, como aforados que son, o Tribunal Supremo no primeiro caso e o Tribunal Supremo de Xustiza de Galicia no segundo.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|