Unións Agrarias advirte á Consellería de Medio Ambiente e ás Sociedades de Caza de Galicia, da indignación crecente do agro galego antes os danos masivos nas colleitas polas mandas de xabaríns, que se repiten cada ano, que van a máis e que debullan un panorama insostible no campo galego fronte as próximas colleitas, de non tomarse medidas radicais para poñer este problema baixo control.
O sindicato advirte á nova conselleira de Medio Ambiente, de que os danos do xabaril son o tema máis urxente e máis importante que ten a día de hoxe na súa axenda e o principal reto que ten plantexado como Consellería, ante a gravidade da situación, e o deterioro da mesma cada ano que pasa.
Pese ás medidas que se viñeron tomando nos últimos tempos, o nivel de danos deste ano, mostra claramente que o modelo actual non está a funcionar, e que deixa aos produtores galegos sos fronte a unha situación que está fora de control. O incremento que se da cada ano, e que ven de producir uns danos que se valoran por riba dos 15 millóns de euros de perdas directas, ao que habería que sumar o lucro cesante de todas as terras que xa non se cultivan ante a certeza da imposibilidade de sacar adiante unha colleita. Unións Agrarias recolle estes datos nun informe técnico de valoración de danos e de estimación da poboación de xabaril, que fará chegar á Consellería de Medio Ambiente nos próximos días.
Asemade son milleiros os agricultores que están a ensilar estes días, incluso antes do punto óptimo de recolección, ante a preocupación de ver as súas propiedades arrasadas polas mandas de xabaril, algunhas das cales superan os 30 individuos.
O máis urxente nestes días é que os TECOR se mobilicen para executar accións de caza e dispersión de animais, que os alexen estas semanas das zonas de cultivos, ata que se recolla o millo alí onde aínda queda. Para elo a Consellería de Medio Ambiente debe de facilitar aos TECOR todas aquelas accións que les sexan solicitadas. Estamos en pleno período hábil de caza do xabaril, e non debe de haber escusas para intervir con decisión nas zonas onde aínda non se recolleu o millo, e onde cada día que pasa é un risco de desastre para os produtores.
O sindicato volve a reclamar un marco de xestión do xabaril, onde as poboacións sexan reducidas onde estean a constituir unha praga, onde os TECOR se teñen que implicar durante todo o ano en prevención de danos para ir sempre por diante e non por detrás do problema, e onde a Administración ten que colaborar coas disposicións e autorizacións inmediatas para previr e limitar danos.
E por suposto para que non sexan os agricultores e gandeiros os que teñan que poñer cada ano 15 millóns de euros das súas rendas e das súas familias, para manter o desastre que produce o descontrol do xabaril en Galicia, e que vai a máis ante a indiferencia xeralizada