UUAA TILDA DE TALÓN SEN FONDOS A ORDE DE AXUDAS CONTRA OS DANOS DA FAUNA SALVAXE

Só os danos recentes nas explotacións de Rodeiro e Dozón superan o total da partida

Unións Agrarias tilda de talón sen fondos a Orde de axudas que ven de publicar a Consellería de Medio Ambiente para presuntamente paliar os danos da fauna salvaxe. Na citada norma, publicada o pasado 19 de decembro, contémplanse unhas cantidades ridículas se temos en conta a gravidade e o volume de desfeitas que están a sufrir as explotacións galegas, sobre todo nas comarcas do Deza, Bergantiños ou Lugo.

Así, nas bases reguladoras da Orde aparecen un total de 300.000 euros destinados á prevención dos danos do lobo e o xabaril, dos que 200.000 serán para a prevención de danos na gandeiría (lobo) e 100.000 euros para a agricultura (xabaril). So tendo en conta os danos recentes nas explotacións de Rodeiro e Dozón supéranse o total da partida destinada aos danos agrícolas.

Con esta acción ponse de manifesto unha vez máis por parte da Xunta, a substitución da propaganda electoralista por medidas realmente efectivas contra unha praga que está a xerar graves problemas económicos, viarios e quén sabe se no futuro de saúde pública.

A Orde, que non foi consultada nin pactada co sector, pese haber mecanismos sobrados de interlocución como o Consello Medioambiental, ou o Consello Agrario, adolece de serios erros que fará inviable e ineficaz a súa aplicación.

Introduce un cambio non pactado na tipoloxía dos cans para a defensa do gando, de xeito que nesta convocatoria se esixe a inscrición dos cans adquiridos no libro xenealóxico da raza, o que na práctica obriga aos gandeiros a adquisición dunha tipoloxía de can de mostra, moi bo para exposición ou a defensa estática, pero incapaz de acompañar ao gando no seu movemento no monte. Para a adquisición de cans se dispón de ata 140.000 euros, cun máximo de 500 euros por can.

Igualmente de cara as axudas para aos peches fixos para manexo seguro do gando, se esixe a presentación de todos os permisos e autorizacións de obra, como a licenza municipal, no momento da solicitude, o que é inviable nos casos nos que a concesión desta licenza involucra informes positivos doutros entes administrativos, como Carreteras, Augas de Galicia, ou mesmo a Consellería do Medio Ambiente no caso da Rede Natura.

Tamén é cuestionable no marco desta Orde, a subvención do Can de Palleiro, que si ben é unha excelente raza de can pastor e realiza un magnífico traballo cos rabaños, non ten aptitudes nin capacidade de enfrontarse ao lobo, o que fai inexplicable a súa presenza no marco dunha Orde de prevención de danos do lobo.

Unións Agrarias considera que estes erros que dificultarán enormemente á chegada dos fondos aos agricultores e gandeiros que soliciten as axudas, e a eficacia das medidas, terían sido perfectamente evitables si se tivera consultado previamente o borrador da Orde de axudas co sector, práctica que recomenda a Comisión Europea como boa práctica, e que está a ser sistemáticamente eludida por parte dos responsables de Medio Ambiente.

Por outra banda o sindicato reclama a posta en marcha definitiva do Fondo de Corresponsabilidade que figura na Lei 13/2013 de Caza de Galicia, que leva máis de 5 anos de retraso, e que permitiría normalizar todas estas convocatorias, e as de indemnización por danos, de forma que non sexan unicamente convocadas en ano electoral.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias