A organización Unións Agrarias valora positivamente que se introduciran algunha das melloras que solicitara para a Orde de axudas para a restructuración de viñedo, como a simplificación de trámites, para deste modo, poder xustificar os viticultores con man de obra propia a mellora da explotación, e non mediante a facturas de empresas externas. Tamén se ve acertado que se impulse a actualización do catastro vitivinícola para acompasar a realidade produtiva á comercial.
Porén lamenta que se valoren, en concorrencia competitiva, con máis puntuación os plans de empresa que presentan as adegas para abrir plantacións, sobre as solicitudes dos viticultores, desatendendo o carácter social que esta actividade agraria ten en moitas comarcas de Galicia, nomeadamente na provincia de Ourense, onde o medio rural resulta demograficamente cada vez mais insostible. Desde Unións Agrarias séguese reclamando á Consellería do Medio Rural con carácter urxente a convocatoria das mesas do viño nas distintas Denominacións de Orixe para analizar a implantación de mecanismos complementarios de control do fraude nas zonas produtoras vitivinícolas galegas e as políticas de prezos diante da vindeira vendima.
Así, desde o sindicato ponse de manifesto a necesidade de establecer un estudo de custes de produción de cara a formular un prezo para as uvas por contrato que reparta de xeito equilibrado e xusto os beneficios da actividade vitivinícola en Galicia. Para iso é preciso establecer un mecanismo de discriminación positiva que prime ás adegas que o cumpran a hora de acollerse ás axudas da Xunta á promoción comercial no exterior.
Por outra banda, Unións Agrarias cree que para acadar unha mecánica de traballo transparente nos CRDO é imprescindible que unha vez rematada a vendima, se certifique unha aprobación de colleita en todas as denominacións de orixe ligando a este dato a posterior expedición de contraetiquetas. UUAA manifesta que a rolda de visitas que por parte do conselleiro se está realizando ós distintos Consellos Reguladores, non exime de convocar a mesa sectorial para trazar o futuro inmediato e a medio prazo do sector do viño de Galicia.