Unións Agrarias insiste na necesidade de que a Consellería do Medio Rural, abra dunha vez a liña de axudas dos Plans de Mellora e os de Incorporación de mozos á actividade agraria.
O medio rural galego non se pode permitir un ano sen esta importante inxección económica, que afecta non so á mellora das explotacións senón a centos des empresas de servizos e construción radicadas en vilas e cabeceiras de comarca para as que as obras nas granxas son un dos principais motores de aceleración da súa actividade.
Non hai que esquecer que por cada 3 euros públicos os gandeiros teñen que poñer 7 a maiores, e que por encima de estes 3 euros postos pola administración galega o 75% proceden de fondos europeos, polo que non é escusa a falta de fondos.
As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo, pero para iso necesitan inversións case constantes nas súas explotacións para mellor o benestar animal, a redución de custos, as esixencias medioambientais, etc, polo que esta liña de axudas e fundamental.
Os produtores pedímoslle á Consellería de Medio Rural que se centre dunha vez por todas e que se poña a traballar no apoio real ás nosas explotación, e para iso necesitase unha liña de axudas estable e non esta falta de previsión que impide ós produtores facer unha xestión profesional das explotacións.
Dende Unións Agrarias queremos recordarlle á Consellería do Medio Rural que no pasado PDR 2007-2014 quedaron sen gastar moitos millóns de fondos procedentes da Unión Europea pola mala xestión da Consellería, polo que para evitar novos erros é importante que se destines os fondos ás liñas que realmente afectan ó desenrolo do medio rural e das nosas explotacións.
Por outro lado a Consellería comprometeuse fai máis dun mes con esta organización a sentarse para falar desta liña de axudas para poñela en marcha de xeito inmediato e a dia de hoxe aínda non hai noticias ó respecto, nin da reunión nin da liña de axudas.