UUAA PIDE ACTUAR XA SOBRE O XABARIL PARA SALVAR O MILLO

Medo entre agricultores e gandeiros polas previsibles perdas na campaña

Unións Agrarias demanda da Xunta de Galicia e das Sociedades de Caza o inmediato despregue de accións preventivas contar as mandas de xabaril neste mes para que haxa marxe de manobra antes do inicio dos traballos de sementeira. Entre os produtores existe unha grande inquedanza polos danos reiterados do xabaril agora que rematou a tempada de caza no mes de febreiro, e que nas próximas semanas se desenvolverá a campaña da sementeira do millo forraxeiro que irá ata mediados de xuño.

A organización agraria entende que é fundamental anticiparse aos movementos das mandas de xabaríns para non ir como todos os anos por detrás do problema, unha vez que destrozan as parcelas acabades de sementar de millo, senón que é preciso que os TECOR e Sociedades de Caza tomen a iniciativa nas distintas parroquias e Concellos de Galicia.

Así, durante estas semanas previas ao inicio da campaña deberíase de facer por parte dos TECOR un traballo intensivo de campo para ir determinando onde están as mandas de xabaril máis próximas aos lugares e as zonas de cultivo, para tomar inmediatamente medidas de dispersión.

Neste sentido os adestramentos sen control de cans, que teñen como efecto acubillar aos xabaríns que buscan tranquilidade no monte, deben de cesar de inmediato, limitándose únicamente ás zonas de risco de danos nas próximas semanas, onde sí poden ser unha eficaz ferramenta para alonxar durante estes días aos animais cara o monte e reducir a incidencia de danos nos cultivos de millo nos vindeiros de abril e maio.

Asemade os TECOR deberían de preparar xa listados de cazadores dispostos a facer esperas de control de danos unha vez que empece a sementeira, a fin de poder respostar de xeito eficaz cando sexan requeridos por agricultores e gandeiros durante estes meses de veda, onde o xabaril só pode ser cazado en accións de control de danos.

O papel da Xunta ten que ser de coordinación e autorización de todas estas medidas, esixindo dos TECOR un comportamento axeitado aos seus deberes e responsabilidades outorgados aos mesmos pola Lei de Caza de Galicia.

Unións Agrarias leva solicitado reformas da Lei de Caza que obriguen a que estas medidas preventivas sexan obrigatorias e non dependan da maior ou menor vontade de cada TECOR, que en todo caso son os reponsables de xestionar a fauna cinexética e de responder polo pago dos danos cando estes se producen pola súa falta de dilixencia e interese, como recolle a Lei 13/2013 de Caza de Galicia.

O control dos danos da sementeira do millo forraxeiro é fundamental para asegurar a competitividade das explotacións vacúns lácteas de carne. Galicia lidera a superficie de millo forraxeiro de España con máis de 65.000 ha cultivadas, das que alomenos un 12% veñen sendo sistemáticamente danadas polo xabaril, cuns danos superiores aos 10 millóns de euros anuais, que saen cada ano das rendas de agricultores e gandeiros, e dos que ninguén se acaba facendo cargo.

Poñer en marcha medidas que permitan anticiparse a estes danos e podelos reducir nunha percentaxe significativa, debería de ser unha prioridade para a Administración e os TECOR e Sociedades de Caza.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias