Unións Agrarias quere advertir do risco que entraña a proposta da Consellería de Medio Ambiente de autorizar a agricultores e gandeiros, do uso de gaiolas para a captura de xabarís, como nova medida para a loita contra os danos desta especie no agro.
Estas gaiolas só poden ser efectivas manexadas por expertos profesionais ou da Xunta de Galicia, e baixo ningún concepto deben de ser utilizadas en parcelas agrarias baixo a responsabilidade directa de agricultores e gandeiros. O recente incidente en Ponteareas, onde unha familia do rural estivo a piques de perder a vida nun ataque dun xabaril que ademáis matou a un can na embestida, é unha seria advertencia que non se pode ignorar.
Bastaría unha posible captura accidental dunha cría de xabaril dentro da trampa, cunha femia nai que quedase fora para converter a este animal nun gravísimo risco para calquera persoa que se achegase a inspeccionar o dispositivo, e mesmo para calquera transeúnte que de xeito casual se puidera achegar a estas trampas nun radio duns cincuenta metros, xa que con moita probabilidade, serían seriamente atacados e con nulas posibilidades de defensa, como sucedeu en Ponteareas.
Ningún agricultor nin gandeiro ten por qué asumir este risco vital para protexer os seus cultivos, nin ten por qué enfrontarse aos posibles danos e indemnizacións a terceiros que en todo caso precisarían da cobertura dun seguro de responsabilidade civil.
Asemade, e aparte da seguridade, dende un punto de vista técnico, estas gaiolas precisan dun manexo profesional para seren efectivas, como se ven de demostrar no despregue feito no entorno da cidade de Lugo, cunha efectividade prácticamente nula na captura de xabarís salvaxes.
A proliferación desordenada do xabaril, constitúe un problema social de primeira orde en Galicia, pola súa incidencia de danos na agricultura, polos problemas de seguridade nas estradas que conlevan, e polo desequilibrio medioambiental inducido nos ecosistemas galegos. E mesmo para a integridade física das persoas, como se ven de poñer de manifesto de xeito dramático.
A pesares dos esforzos feitos nos últimos anos por controlar a expansión da especie, e por limitar os seus danos na agricultura e a gandería, os danos crecentes se reiteran en cada campaña de cultivos, sen que existan mecanismos reais de compensación dos mesmos, de xeito que estes son afrontados na súa totalidade polas rendas dos agricultores, gandeiros e as súas familias.
Ante a constatación do fracaso do modelo actual de control das poboacións do xabaril, e dos danos que conlevan, Unións Agrarias demanda un novo “pacto social” no que a sociedade se comprometa a protexer ao rural galego dos efectos da proliferación desordenada das poboacións do xabaril, a través do control da especie, e se comprometa igualmente a compensar económicamente os danos a quen os sufre cando estes se produzan.
Para elo UUAA entende que a Xunta ten que deixar de lado a súa pasividade, a súa autocomplacencia e ocorrencias, e liderar unha mesa de traballo na que se materialice este pacto, na que se sentarían a propia Administración os representantes dos cazadores, e dos agricultores e gandeiros e expertos para a revisión do actual marco de xestión do xabaril.