UUAA LEMBRA QUE SE PODE PEDIR CAZA DE CONTROL DO XABARIL

Co inicio da sementeira do millo os TECOR deben de actuar incluso na veda

Unións Agrarias lembra aos agricultores, gandeiros, profesionais do agro e propietarios de hortas familiares do rural galego, que ante o inicio da campaña de sementeira do millo e de horta, -tarefas que se multiplicarán nos próximos días co cese das choivas- poden solicitar caza para evitar danos, a pesares de estarmos en período de veda de caza do xabaril. Deste xeito, calquera afectado por danos ten dereito a solicitar do TECOR da súa zona, medidas extraordinarias para o control dos mesmos, sexan accións con cans, esperas selectivas, ou directamente batidas nos casos máis graves.

Unións Agrarias está a detectar en varias comarcas galegas, intentos de desinformación por parte de distintos responsables de TECOR e Sociedades de Caza, que alegan a imposibilidade de realizar accións de caza ata a apertura da veda a principios de setembro. O cal é rotundamente falso. Ante este intento claro de desinformación, Unións lembra que a Lei ampara aos afectados polos danos do xabaril, e que a Xunta de Galicia si pode autorizar estas medidas extraordianarias en veda, sempre e cando haxa constancia oficial da existencia de danos. Por elo Unións lembra, a conveniencia de dar parte dos danos no teléfono 112, para que consten oficialmente, e que a Consellería de Medio Ambiente á vista dos informes dos axentes, poida autorizar conforme á Lei de Caza de Galicia, estas medidas de control, que permitan o normal desenvolvemento da campaña de sementeira.

A campaña de sementeira do millo vai implicar unhas 65.000 ha en Galicia nas próximas semanas. Sendo o custe de alimentación máis da metade dos gastos dunha explotación tipo de leite ou carne, é fundamental a colleita de millo forraxeiro para garantir a viabilidade económica das explotacións galegas, nas que os danos do xabaril moitas veces supón sobrecustes inadmisibles de ata o 20% para as explotacións, as que se aboca ao peche. O xabaril está a botar familias do agro galego.

Hai comarcas enteiras de Galicia que non poden sementar este cultivo, e moitas outras onde os produtores sementan ou encargan o silo de millo incluso fora de Galicia, ante a imposibilidade de garantir un resultado normal da colleita. O que supón perdas económicas e abandono de terreos cultivados, que pasan a engrosar o problema dos incendios forestais. Ante a constatación do fracaso do modelo actual de control das poboacións do xabaril, e dos danos que traen, Unións Agrarias demanda un novo “pacto social” no que haxa un compromiso de protexer ao rural galego dos efectos da proliferación desordenada das poboacións do xabaril, a través do control da especie, e se comprometa igualmente a compensar económicamente os danos a quen os sufre cando estes se produzan.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias