UUAA PIDE SOLUCIÓNS AO CAOS DE XESTIÓN DA XUNTA NOS PAGOS DO PDR

Adebédanse pagos desde novembro a agricultores e gandeiros, cooperativas e PEMES

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a que resolva o caos administrativo e de xestión, que está a levar á paralización dos pagos dos fondos europeos do FEADER, do PDR de Galicia 2014-2020. Trátase de máis de 90 millóns de euros que se adebedan aos solicitantes das diferentes Medidas do PDR, que se levan sen cobrar dende o mes de novembro, o que en moitos casos supera os 180 días dende a certificación dos expedientes. Esta mala práctica administrativa evidencia unha grave falta capacidade de xestión dos fondos europeos na Consellería do Medio Rural, e que está a perxudicar seriamente a agricultores, gandeiros, cooperativas, PEMES e mesmo autónomos do rural.

En concreto esta parálise está a afectar aos pagos que se adebedan en Medidas como a Incorporación de Mozos, os Plans de Mellora do Sector Lácteo, as medidas dos pagos Agroambientais e da Agricultura ecolóxica, ademais dos Grupos de Innovación, entre outros.

Este retraso inédito nos pagos está a xerar problemas de financiamento nas explotacións e no circuito empresarial do rural galego, que están a sufrir en custes financeiros, en retrasos de pagos a provedores, e mesmo en regulación de emprego nos casos máis graves. Os problemas de liquidez xerados no agro por esta falta de xestión, contrastan cos anuncios de superávit orzamentario e dos obxectivos da “lexislatura do rural”. E provocará unha queixa formal da organización agraria ante a Comisión Europea de non resolverse de inmediato nos vindeiros días.

Urxe que a Xunta poña orde neste caos de xestión e proceda a liquidar de inmediato as cantidades xa executadas e certificadas que se adebedan. É de notar o dobre raseiro da Administración capaz de embargar as contas dos autónomos e das empresas cando se dan retrasos mínimos nas liquidacións das obrigas tributarias, da Seguridade Social ou en calquera sanción ou multa, coa manga ancha que se permiten cando os que teñen que cumprir cos contribuintes son as propias administracións públicas, que neste caso actúan como meros intermediarios xestores de fondos da Unión Europea e incumpren calquera prazo razoable e calquera código de boas prácticas na relación cos pagamentos aos administrados.

O Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 ten un orzamento total de 1186 millóns de euros para os 7 anos do período de programación da UE, dos cales o 75% os financia a propia UE a través do Fondo FEADER de Desenvolvemento Rural, sendo fundamental para a Cohesión Económica e Social do rural galego e para a modernización e adaptación dos sectores agrogandeiro e forestal.

Este fondo está a cargo de medidas tan importantes como as que corresponden á promoción das boas prácticas agrarias e medioambientais, a xestión forestal e a prevención de incendios, a modernización das explotacións agrarias, a agricultura ecolóxica e a incorporación de mozos, ademais dos pagos compensatorios ás zonas desfavorecidas e os fondos para o I+D do agro galego.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias