UUAA APOIA AS MEDIDAS DE CONTROL DO XABARIL NA COMARCA DO DEZA

A formación de novas cuadrillas por parte do TECOR de Silleda e moi efectiva

Unións Agrarias apoia as distintas medidas dos TECOR do Deza para colaborar no control dos danos do xabaril na presente campaña de sementeira do millo.

A iniciativa do TECOR de Silleda de proceder á formación dunha nova cuadrilla de caza do xabaril, é positiva en tanto en canto aumentará a dispoñibilidade de cazadores para controlar as poboacións de xabaril durante a temporada de caza, e tamén aumentará as posibilidades para executar esperas e batidas extraordinarias por danos na época de veda. Por todo elo o sindicato espera que esta proposta de parte da masa social do TECOR culmine con éxito e co apoio da Directiva do Tecor de Silleda e da propia Administración de Caza.

Asemade, é igualmente positivo que dende outras entidades de caza da zona, se recoñeza a posibilidade de cazar o xabaril nas zonas de vedados cando se dan danos. Esta é unha posibilidade aberta na normativa galega de caza dende hai xa algúns anos, cando se introduciu a solicitude das Organizacións Agrarias.

Unións quere recordarlle aos agricultores e gandeiros, que fronte aos danos do xabaril teñen á lexislación da súa parte, e que ante un dano o mellor e dar parte ao teléfono 112 para que quede constancia oficial, e posteriormente pedir ao TECOR unha acción de control de danos, ben directamente, ben a través dunha Organización Agraria.

A propia Orde de vedas deste ano, ademais de fixar o período ordinario de caza do xabaril do 24 de agosto de 2019 a 29 de febreiro de 2020, establece que “co fin de reducir os danos producidos por esta especie, tras comprobarse a existencia daqueles, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, poderán autorizar a realización de batidas, montarías, esperas e axexos”. Igualmente establece que “as persoas titulares dun Tecor tamén poderán solicitar a adopción destas medidas de control nas zonas de vedado que teñan autorizadas.

Asemade a propia Orde de vedas establece no seu Anexo IV a relación de Concellos onde a autorización das medidas de control serán inmediatas, relación de Concellos onde figuran Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces entre outros.

Por todo elo, os profesionais do agro non se deben deixar confundir polos rumores de que non se van autorizar accións de caza ata que comece a temporada, senón que deben de trasladar a ocorrencia dos mesmos ao 112, e demandar accións preventivas e paliativas dos TECOR.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias