A organización Unións Agrarias vai a presentar unha querella contra a chamada Sociedade Galega de Historia Natural, SGHN, logo de que esta non se retractase onte no xulgado das calumnias reiteradas vertidas contra dos gandeiros e agricultores, ao relacionalos directamente cos incendios forestais na provincia de Ourense.
UUAA advirte de que non vai a permitir novas insidias contra o sector agrogandeiro por parte duns supostos técnicos que nada teñen que ver co medio rural. Hai que lembrar que en Galicia os habitantes do rural favorecen coa súa actividade o coidado dun medio natural vivo. Para a organización agraria chama poderosamente a atención que mentres noutros países como Francia ou Italia se pon en valor e se senten orgullosos do traballo dos seus profesionais do agro, en Galicia aínda hai quen vive atrapado na “miopía urbanita” que considera que no rural a xente está instalada nun estadio primitivo do que debe ser redimida. Esquécense que ese 20% de “poboación indíxena” está a xestionar o 80% do territorio de Galicia.
Os homes e mulleres que cada día manteñen aberta as súas explotacións son os verdadeiros cortalumes e a primeira liña de defensa contra dos incendios forestais cada vez mais catastróficos polo abandono das aldeas e a perda de superficie agraria útil. Basta con lembrar que nos últimos 30 anos o sector primarios en Galicia pasou duns 400.000 ocupados e escasamente 45.000 e que na actualidade a metade do territorio galego se atopa abandonado ou cunha xestión forestal moi deficiente.
UUAA lamenta unha vez mais a visión simplista que se deriva desde determinados colectivos supostamente ecoloxistas, que ven no medio rural un lugar únicamente para o esparcemento ao marxe da actividade económica real e de mercado. Porque non haberá un campo vivo e xusto sen actividade agraria e gandeira sostible económica e ambientalmente. O medio rural sen actividade é a maior catástrofe ambiental coas mandas de xabaríns xerando problemas de tráfico, sanitarios e perdas nos cultivos e incendios forestais cada vez mais grandes e perigosos.