Unións Agrarias demanda liderado da Consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural diante da crecente expansión da praga da vespa velutina, que neste verán ameza con ser letal para o sector apícola de moitas zonas de Galicia, e de alto risco para as persoas, especialmente alérxicos e outros grupos de risco, como traballadores agrarios e forestais.
Estamos ante un serio problema medioambiental causado pola invasión dunha especie foránea, que vai a máis nas zonas de Galicia onde xa está, (franxa atlántica) e avanza colonizando novas áreas dende o 2012 (vales do Miño e o Sil), polo que precisa ser enfrontado de xeito coordinado e sistemático.
É fundamental que as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, asuman as súas competencias e non sigan derivando o problema aos concellos, que teñen que actuar sen coordinación entre eles, e sen o persoal nin os medios precisos para actuar de xeito eficaz ante a progresión da praga.
A acción da Xunta na loita contra a velutina non se pode limitar a facilitar pértegas e traxes ao persoal dos concellos, ten que ser sistemática, en toda Galicia, e involucrar ao persoal da Xunta no seguimento, trampeo e retirada de niños.
Neste sentido, hai que destacar que si a extensión da invasión da velutina non foi aínda peor, foi debido á colaboración da sociedade civil. Especialmente dos apicultores e as súas asociacións, que están a loitar en solitario na defensa das súas colmeas, sen máis recursos e formación que a propia.
Asemade a Xunta debe de involucrarse dedicando medios, no apoio á investigación para a consecución de atraíntes específicos das raíñas da velutina, que permita un trampeo eficaz e selectivo desta especie nos meses de abril e maio. Neste sentido hai que lembrar que por cada unhas destas raíñas que non se eliminan, nacen 20.000 vespas.
Unións tamén quere lembrar ás persoas que traballan estes días no monte e nas rozas de prevención, que é moi importante que se aseguren da ausencia de niños antes de comezar o seu traballo, a fin de evitar accidentes con estas vespas, que producen varias vítimas mortais ao ano en percances laborais.