O 3 de xullo achegámonos ata o recinto feiral de Silleda para seguir informando aos propietarios de granxas avícolas das novidades normativas que se aveciñan coa próxima entrada en vigor do novo decreto de ordenación que prepara o Ministerio. Un texto que resulta especialmente preocupante e conflitivo no caso do Deza, debido ás distancias mínimas que establece para as novas explotacións respecto das de porcino. No caso de entrar en vigor a actual redacción, a instalación de novas granxas de aves sería practicamente imposible nesta comarca debido ao elevado número de explotacións de porcos que xa existe. Un aspecto que dende Unións Agrarias tentaremos modificar de cara a garantir as posibilidades de desenvolvemento futuro do sector avícola nesta zona. E é que de ningún xeito parece lóxico que o goberno pretenda impoñer uns criterios tan restritivos cando ven de asinar un acordo con Mercosur que permitirá a entrada ao mercado europeo de carne sen ningún tipo de control sanitario.