Co obxectivo de reactivar ACRIAGA e reactivar canles de comunicación directas cos nosos afiliados visitamos Cambados o 10 de xullo. Alí reunímonos con propietarios de granxas avícolas da zona, cos que abordamos as novidades normativas que se aveciñan coa próxima entrada en vigor do novo decreto de ordenación do sector que prepara o Ministerio. E falamos tamén doutras cuestións que preocupan e que afectan ao día a día e ao rendemento das explotacións, como os seguros agrarios ou o recente acordo asinado entre a Unión Europea e Mercosur. Un tratado ao que nos opoñemos frontalmente, e que sen dúbida suporá un duro golpe para a nosa industria cárnica.
Debemos unir forzas para denunciar o acordo con Mercosur, que permitirá a entrada no mercado europeo de carne de países que están moi lonxe de cumprir coas esixencias sanitarias que afectan aos nosos produtores. Unha situación de competencia desigual á que non nos resignamos. Como imos competir cun polo importado de países onde non existen condicións de seguridade alimentaria, medioambiental nin benestar animal? Este acordo é un ataque aos intereses das nosas granxas, cuxas condicións os consumidores deben coñecer.