Xuntanza sectorial vitivinícola

O 5 de xullo reunímonos en Compostela cos representantes das diferentes comarcas con explotacións vitivinícolas para falar das problemáticas que afectan a este sector. Os produtores de uva precisan con urxencia contratos homologados adaptados a Galicia que garantan un prezo fixado de xeito previo á vendida e que aporten estabilidade. A nula capacidade de negociación que estes agricultores teñen neste momento non é de recibo, e instamos á Xunta de Galicia a convocar as Mesas do Viño para establecer marcos estables que eviten sorpresas e que garantan rendementos por enriba dos prezos de produción.

A Consellería do Medio Rural está deixando pasar tempo sen facer absolutamente nada en relación a unha cuestión que lle foi exposta xa hai tempo. Os viticultores non poden seguir agardando, polo que instamos á Xunta de Galicia a impulsar mesas de negociación, da man dos Consellos Reguladores, da que saia un contrato tipo que sexa depositado ante un organismo oficial. Só dese xeito será posible que os produtores de uva conten con garantías reais que poñan couto ás tentacións das adegas de impoñer prezos de xeito unilateral.

Cabe destacar que neste momento os produtores de uva non coñecen o prezo que van recibir polo seu produto ata o momento mesmo da entrega, e a realidade é que os contratos coas adegas non se asinan ata despois da vendima. Unha situación inaceptable que incumpre as condicións que establece a Lei de Cadea Alimentaria.

Tamén avogamos pola posta en marcha de medidas de control da fraude que aporten garantías sobre a orixe do produto e que eviten que se recurra a provedores de uva foráneos. Algo que unicamente será posible impulsando controis en parcela previos á vendima que aporten datos reais sobre o volume das colleitas.

Tamén apostamos porque as axudas públicas se vexan condicionadas en todo caso ao cumprimento dos contratos. E por unha maior transparencia dentro dos Consellos Reguladores, cuxos vogais deben ter acceso aos datos relativos ás colleitas de xeito previo á vendima. Algo que actualmente non está a acontecer.

Cabe lembrar tamén que en Galicia máis do 90% dos viticultores son pequenos produtores con menos de 2 hectáreas. A viticultura social é a realidade maioritaria. Un sector composto por persoas que non poden vivir só desa produción, e que deben ter prioridade de acceso a fondos públicos para poder medrar.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias