Xuntanza con tecores, produtores de porcino e cooperativas para falar da proliferación sen control do xabaril e trazar estratexias conxuntas

Os danos do xabaril constitúen a día de hoxe un grave problema social en Galicia. As poboacións destes animais causan danos na agricultura que Unións Agrarias ten estimado nun informe técnico en preto de 15 millóns de euros ao ano. Asemade os responsables de Tráfico e da Garda Civil informan dunha media nos últimos anos duns 1.100 accidentes de tráfico cada ano, vencellados á irrupción do xabaril nas estradas galegas.

Engadamos a este efectos negativos, o problema que supón esta especie sobre os ecosistemas de zonas protexidas e espazos naturais, onde o seu control está restrinxido e predan sobre a fauna protexida. Tamén o seu acercamento ás cidades co perigo certo que supoñen para as persoas ás que poden atacar con consecuencias imprevisibles, como vén de pasar en Ponteareas recentemente.

Por último, a ameaza que supón o achegamento a Galicia da peste porcina africana, e a ameaza directa que supón para os centos de familias que dependen no rural do sector porcino, sector que desaparecería por unha mala xestión das poboacións do xabaril, o seu principal vector de contaxio.

As fórmulas para controlar as poboacións de xabaril a través da caza, de previr todos os seus danos, e de pagalos a quen os está a sufrir, son a día de hoxe insuficientes, porque lonxe de poñer o problema baixo control, aumenta cada ano.

Asemade o actual marco legal da caza en Galicia, deixa un simple papel de cómodo observador á Xunta de Galicia, quen delegou toda a responsabilidade e todo o traballo do control das poboacións de xabaril, e mesmo do pago dos danos, aos TECOR e Sociedades de Caza do rural, que carecen dos recursos e dos medios para afrontar estas responsabilidades.

Entendemos que é momento de unir forzas para conseguir que o goberno galego deixe de botar balóns fóra e asuma a súa responsabilidade na xestión da crecente poboación de xabaril. Por iso iniciamos, da man de tecores e representantes da industria cárnica, o camiño para conseguirmos levar ao Parlamento unha Proposición non de Lei que permita harmonizar a coexistencia das poboacións do xabaril e a conservación desta especie cun rural vivo e con actividade agraria e gandeira; coa seguridade da circulación viaria; e co equilibrio medioambiental dos ecosistemas naturais galegos, aos que unha proliferación desordenada desta especie, pon en perigo.

Reclamamos:

  1. Elaboración dun censo da poboación de xabaril en Galicia.
  2. Determinación da densidade máxima de xabarís que pode haber en cada zona, con criterios científicos e técnicos obxectivos, en función do nivel de danos causados aos cultivos, o risco de accidentes de tráfico, e o risco de propagación de enfermidades de transmisión animal á cabana gandeira,
  3. Determinación das medidas de control da poboación de xabarís .
  4. Determinación das medidas para o control dos danos na agricultura, apoiándose na execución das mesmas nos TECOR e Sociedades de Caza.
  5. Pago das indemnización por danos causados pola acción da fauna salvaxe no patrimonio de agricultores e gandeiros tanto os profesionais, coma os de a tempo parcial.
  6. Posta en marcha dun Fondo de Corresponsabilidade dotado economicamente de xeito suficiente para o pago de indemnizacións de danos, e de medidas preventivas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias