UUAA INSTA Á XUNTA A HABILITAR MECANISMOS QUE EVITEN A PERDA DE UVA EN TODAS AS DENOMINACIÓNS

A formación reclama que a Consellería actúe, da man dos Consellos Reguladores, para que os viticultores que excedan o cupo de produción non se vexan na obriga de deixar os froitos sen vendimar e poidan comercializalos

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia á actuar de inmediato para garantir a comercialización de toda a uva dispoñible para esta colleita dentro das súas respectivas denominacións de orixe. A organización alerta da alarmante situación na que se atopan numerosos viticultores, e reclama a implicación da Consellería do Medio Rural para conseguir que os produtores poidan dar saída a toda a produción dispoñible nesta campaña.

Se ninguén fai nada por evitalo, moitos dos produtores de uva das distintas denominacións de orixe de Galicia veranse nunha difícil tesitura en cuestión de semanas. E é que, tal e como Unións Agrarias xa alertou, a cantidade de uva dispoñible en moitas das parcelas excede os cupos fixos aprobados polos Consellos Reguladores. Polo que, se non se habilitan medidas excepcionais que o eviten, numerosos viticultores veranse na obriga de deixar parte da súa uva sen recoller por non poder vendela.

Unións Agrarias insta ao goberno galego a tomar parte e a actuar, da man dos distintos Consellos, para habilitar coa máxima urxencia un mecanismo que permita aos produtores de uva que se atopen nesa situación comunicala e beneficiarse dunha inspección das parcelas que corrobore os datos reais de produción e que lles permita dar saída á totalidade da colleita.

A organización insiste na necesidade de mudar o actual modelo de rendementos fixos por un variable, que adapte os cupos de cada campaña á realidade das distintas subzonas e variedades produtivas. Porén, á espera de que esa modificación se produza, apela á responsabilidade e insta á Xunta de Galicia a actuar para solventar unha situación inxusta e garantir que toda a uva dispoñible nesta campaña poida ser empregada dentro das súas respectivas DOs.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias