UUAA DENUNCIA A FALTA DE SOLUCIÓN DA XUNTA CARA AOS PRODUTORES DE UVA

Lamenta que a Consellería diga non ter constancia do exceso de produción e comprométese a aportar a documentación precisa para disipar as dúbidas da administración

Unións Agrarias aportará a documentación precisa para que a Xunta de Galicia poida ter constancia escrita do problema ao que os viticultores galegos se enfrontan debido ao exceso de produción existente nesta campaña. A formación lamenta a resposta da Consellería á súa solicitude de medidas extraordinarias. E insta ao departamento que dirixe José González Vázquez a actuar con sensibilidade e a arbitrar as ferramentas precisas para evitar que os produtores se vexan penalizados por uns cupos fixados de xeito arbitrario.

Unións Agrarias demanda solucións urxentes que permitan aos produtores de uva das denominacións de orixe galegas dar saída á totalidade das súas colleitas. A organización ten constancia da existencia dun importante volume de excedente que cumpre cos parámetros de calidade esixidos, e iniciará os trámites precisos para facerlle chegar á Xunta toda a información ao respecto.

A formación volve apelar á responsabilidade e reclama sensibilidade para solucionar unha situación que ameaza con deixar fóra boa parte da uva dispoñible para esta campaña. A organización asegura que non quedará de brazos cruzados e demanda a aplicación nesta campaña dun cupo variable establecido en base a auditorías e datos recollidos sobre o terreo. Un método que garanta tanto a comercialización de toda a uva existente dentro das súas respectivas denominacións como a orixe e a calidade da mesma. Nese senso, destaca o papel fundamental da Xunta de Galicia á hora de arbitrar as ferramentas de control precisas para que esa ampliación de cupos se limite a dar cabida á colleita existente nas respectivas DOs; pero que de ningún xeito abra a porta a posibles prácticas fraudulentas por parte das adegas.

Unións non entende que o goberno galego opte por ollar cara outro lado e facer ouvidos xordos ante o que é un problema de comercialización de primeira orde. E é que a aprobación duns cupos fixos establecidos sen ter en conta a realidade e a evolución das colleitas supón unha forte penalización para os produtores. Un sensentido que impide dar cabida á produción nas súas respectivas denominacións de orixe, e que favorece a creación dun mercado en b que implicará serios prexuízos para os agricultores.

A organización incide na necesidade de axilizar as medidas necesarias para solucionar a problemática antes da próxima vendima. Pero lembra que é preciso un cambio de modelo que evite que o problema volva repetirse en próximas campañas e que garanta cupos e rendementos adaptados a longo prazo.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias