Unións Agrarias advirte que uns 200 gandeiros galegos deixarán de ingresar mais de 10,5 millóns de euros en axudas para Plans de mellora pola negativa da Consellería de Medio Rural a ampliar o prazo de presentación de solicitudes, logo ter retrasado ela dous meses a convocatoria oficial de axudas. Estes fondos proveñen fundamentalmente dos orzamentos da UE –suman mais 7.8 millóns do total dos ingresos perdidos- e en menor medida do Ministerio de Agricultura con 787.500 euros.
A falta de sensibilidade e interese para non adiar a data do 15 de setembro como data para entregar a licenza de obra, parece responder unha vez máis a unha política de recortes encubertos da Xunta, que pretende aforrar os escasos 1,8 millóns que tería que destinar a cubrir a súa parte das axudas.
Hai que lembrar que a media de investimento por explotación é de 150.000 euros do que deduce que os gandeiros que quedarán fora de prazo, tiñan previsto investir 30 millóns de euros co que iso supón na economía local.
Unha actitude que iría na liña dos recortes que sufriron as dotacións orzamentarias tanto as previstas para plans de mellora – pasaron de 40 a 25 millóns de euros- e as de plans de incorporación de mozos que se reduciron de 20 a 14 millóns de euros. Esta actitude pon as claras o interese que parece ter a Xunta de Galicia para reducir o número de demandantes de axudas.
As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo, pero para iso necesitan inversións case constantes nas súas explotacións para mellor o benestar animal, a redución de custos, as esixencias medioambientais, etc, polo que esta liña de axudas e fundamental.
Dende Unións Agrarias queremos recordarlle á Consellería do Medio Rural que no pasado PDR 2007-2014 quedaron sen gastar moitos millóns de fondos procedentes da Unión Europea pola mala xestión da Consellería, polo que para evitar novos erros é importante que se destines os fondos ás liñas que realmente afectan ó desenrolo do medio rural e das nosas explotacións.