Unións Agrarias ven de facer un chamamento á colaboración dos TECOR e Sociedades de Caza ante o inmediato inicio da temporada de caza do xabarín, o próximo sábado 24 de agosto. A organización apela á sensibilidade e insta a estes colectivos a poñer en marcha de xeito inmediato medidas que permitan poñer couto a uns danos que xa están a producirse nas colleitas de millo e vide.
Unións Agrarias solicita a colaboración dos TECOR e sociedades de caza de Galicia para conseguir que os destrozos que o xabaril xa está a provocar nos cultivos en distintos puntos de Galicia poidan reducirse. Con ese obxectivo, Unións pídelle aos máis de 400 colectivos relacionados coa caza existentes na Comunidade que inicien de inmediato a temporada e que non retrasen as primeiras batidas, xa que se están a producir cuantiosos danos no millo en todas as zonas gandeiras de Galicia.
A organización lembra que a propia Xunta recoñece que, no que levamos de 2019, os avisos por danos do xabaril nos cultivos téñense duplicado con respecto das comunicación rexistradas durante todo o 2018. Motivo polo cal Unións tamén insta ao goberno galego a dar un paso adiante e a implicarse na coordinación do inicio da temporada, facilitando ao máximo o desenvolvemento das accións de caza e instando ás Sociedades a que comecen de inmediato as batidas con criterios preventivos e de minimización de danos nos cultivos.
A posta en marcha destas batidas preventivas resulta fundamental neste momento, durante o que é un mes especialmente sensible e crítico para a produción de millo. Debido á proximidade da colleita e ao avanzado estado de maduración dos cultivos, é primordial impulsar medidas que contribúan a deslocalizar as mandas de xabaril e afastalas das zonas cultivadas, desprazándoas cara o monte ou cara a zonas non cultivadas onde non produzan danos.
Asemade o sindicato quere trasladarlle á Xunta a gravidade da situación e a necesidade de introducir cambios no marco legal vixente que permitan a eficacia da caza como unha ferramenta de xestión do medio natural. Unións Agrarias lembra que a tendencia clara dos últimos anos fala dun agravamento no nivel de danos producidos polo xabaril na agricultura, que xa superan os 15 millóns de euros. O mesmo que acontece no que ten que ver cos accidentes de tráfico, con case tres atropelos de xabaríns ao día nas estradas galegas. Uns sinistros que tamén está a ter consecuencias sobre a seguridade persoal, con 4 persoas gravemente feridas polo xabarín en Galicia nos últimos meses.
Unións lembra os graves problemas de desequilibrio ecolóxico en Espazos Protexidos que tamén está a propiciar a proliferación desmedida das poboacións de xabaril, debido ao efecto depredador desta especie. Asemade a situación está a xerar unha crecente preocupación entre os centos de familias do rural galego que se dedican á produción de porcino, debido á posibilidade de contaxio da peste porcina africana, da que o xabarín é principal vector de transmisión. Un risco que suporía a ruína inmediata para as granxas e a industria cárnica da nosa Comunidade, pois implicaría o peche das exportacións cara a terceiros países.
Máis aló das medidas preventivas que urxe activar neste momento, Unións Agrarias ten iniciado tamén unha recollida de sinaturas relacionadas para levar ao Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular, que a organización agarda poida ser debatida na Cámara autonómica a partir do mes de outubro. O obxectivo de Unións, para o que tamén conta co apoio de tecores, asociación de caza e representantes da industria cárnica porcina, é conseguir unha reforma da Lei 13/2013 de Caza de Galicia, para que esta sexa a última campaña de produción onde agricultores e gandeiros se vexan indefensos ante os danos crecentes do xabarín nas súas explotacións.
O control inmediato dos danos na colleita do millo forraxeiro é fundamental para asegurar a competitividade das explotacións vacúns lácteas de de carne. Galicia lidera a superficie de millo forraxeiro de España con máis de 65.000 ha cultivadas, das que alomenos un 12% veñen sendo sistemáticamente danadas polo xabaril, cuns danos superiores aos 10 millóns de euros anuais, aos que hai que sumar os danos na producción de ensilado e outas producións como castañas uvas, patacas e productos de horta, ata sumar 15 millóns de euros que saen cada ano das rendas de agricultores e gandeiros, e dos que ninguén se acaba facendo cargo.