ERRADICAR A FRAUDE NO VIÑEDO PASA POLO REXISTRO PÚBLICO DOS CONTRATOS ANTES DA VENDIMA

O plan de Medio Rural será positivo se logra coordinarse co sector

Unións Agrarias considera que as medidas anunciadas pola Consellería de Medio Rural para a erradicación da fraude no viñedo conteñen elementos positivos e recollen algunhas das demandas feitas polo sector ao logo dos últimos meses. Lamentablemente, dentro do panel de accións previstas non se atopa unha das de maior efectividade, como é a posta en marcha dun rexistro público de contratos de compravenda de uva da vendima. Tal como lle transmitiu UUAA en repetidas ocasións ao conselleiro, na actualidade, e pese as obrigas de contractualización que establece a Lei de Cadea, moitas adegas seguen a mercar a uva sen prezo, obrigando a asinar contratos en branco aos produtores para a posteriori establecer cotizacións e volume o que posibilita a entrada de uva non amparada.

A organización agraria ve positivo que se intensifiquen os controis en fincas antes da vendima, pero sempre en base a o establecemento dun rendemento real que teña en conta a zona xeográfica, o sistema de produción, a variedade de uva e o marco de plantación. Xa que entende que o uso dun rendemento lineal para toda a denominación, pode levar a entrada de uva foránea polo oco que deixa o rendemento real sobre o rendemento teórico nalgunhas explotacións.

Unións Agrarias valora o esforzo realizado polo departamento de José González, para implicar a oficina de control de fraudes de Medio Rural, xa que por ela pasan as entradas e saídas de uvas e viño, pero resulta imprescindible que se coordine de xeito eficiente o seu traballo co dos veedores dos consellos reguladores para evitar duplicidades que resten efectividade.

Por outra banda, Unións Agrarias cree que para acadar unha mecánica de traballo transparente nos CRDO é imprescindible que unha vez rematada a vendima, se certifique unha aprobación de colleita en todas as denominacións de orixe ligando a este dato a posterior expedición de contraetiquetas.

Finalmente, UUAA fai un chamamento para que se convoquen as mesas sectoriais do viño para trazar de consenso o futuro inmediato e a medio prazo do sector do viño de Galicia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias