A AMPLIACIÓN DO PRAZO DOS PLANS DE MELLORA É INSUFICIENTE

As administracións deben desatascar os atrancos burocráticos aos gandeiros

Unións Agrarias denuncia que a ampliación de tan só un mes do prazo para a presentación da solicitudes para os plans de mellora, logo das presións da organización agraria, non servirá para resolver o atasco burocrático creado en departamentos administrativos como Augas de Galicia, Patrimonio ou Medio Ambiente.

Con esta decisión a Consellería de Medio Rural esquécese dos gandeiros xa que sabe perfectamente que para que as solicitudes poidan completarse, fai falla moito mais tempo dada a complexidade da documentación que hai que solicitar a distintos departamentos e os retrasos cos que estes operan.

Como xa advertira hai semanas, UUAA cuantifica que uns 200 gandeiros galegos deixarán de ingresar mais de 10,5 millóns de euros en axudas para Plans de mellora polo escaso prazo de presentación de solicitudes, logo ter retrasado Medio Rural dous meses a convocatoria oficial de axudas. Estes fondos proveñen fundamentalmente dos orzamentos da UE –suman mais 7,8 millóns do total dos ingresos perdidos- e en menor medida do Ministerio de Agricultura con 787.500 euros.

Esta actitude parece responder a unha política de recortes encubertos da Xunta que pretende aforrarse os escasos 1,8 millóns que tería que destinar para cubrir a súa parte das axudas.

Hai que lembrar que a media de investimento por explotación é de 150.000 euros, do que deduce que os gandeiros que quedarán fora de prazo tiñan previsto investir 30 millóns de euros co que iso supón na economía local.

Unha actitude que iría na liña dos recortes que sufriron as dotacións orzamentarias tanto as previstas para plans de mellora – pasaron de 40 a 25 millóns de euros- e as de plans de incorporación de mozos que se reduciron de 20 a 14 millóns de euros. Esta actitude pon ás claras o interese que parece ter a Xunta de Galicia para reducir o número de demandantes de axudas.

As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posibles a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo, pero para iso necesitan inversións case constantes nas súas explotacións para mellor o benestar animal, a redución de custos, as esixencias medioambientais, etc, polo que esta liña de axudas e fundamental.

Dende Unións Agrarias queremos recordarlle á Consellería do Medio Rural que no pasado PDR 2007-2014 quedaron sen gastar moitos millóns de fondos procedentes da Unión Europea debido á súa mala xestión, polo que para evitar novos erros é importante que se destines os fondos ás liñas que realmente afectan ó desenrolo do medio rural e das nosas explotacións.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias