UUAA SOLICITA REVISAR A FONDO O CENSO VITIVINÍCOLA

A organización agraria mantivo unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural co obxectivo de deseñar medidas contra a fraude

Unións Agrarias solicita que se revise a fondo o censo vitivinícola de Galicia para contrastar os copos de produción vixentes coa realidade produtiva das distintas denominación de orixe. Deste xeito preténdese acabar coa posibilidade de que existan “uvas virtuais” vinculadas a explotacións sen actividade, que dean cobertura á entrada de colleitas non amparadas.

Esta é unhas das peticións que a organización agraria puxo de manifesto no marco da reunión mantida hoxe co director xeral de Producións Agroalimentarias. Do mesmo xeito, Félix Porto, responsable de Acción Externa de UUAA, trasladoulle a José Balseiros a necesidade de poñer en marcha un rexistro público de contratos de compravenda de uva da vendima xa que na actualidade, e pese ás obrigas de contractualización que establece a Lei de Cadea, moitas adegas seguen a mercar a uva sen prezo, obrigando a asinar contratos en branco aos produtores para a posteriori establecer cotizacións e volume o que posibilita a entrada de uva non amparada. Así, as adegas que subscriban esta obriga deberían ser primadas a hora de recibir subvencións públicas.

A organización agraria valora positivamente que se intensifiquen os controis en fincas antes da vendima, pero sempre en base ao establecemento dun rendemento real que teña en conta a zona xeográfica, o sistema de produción, a variedade de uva e o marco de plantación. Xa que entende que o uso dun rendemento lineal para toda a denominación pode levar á entrada de uva foránea polo oco que deixa o rendemento real sobre o rendemento teórico nalgunhas explotacións.

Do mesmo xeito, a organización agarda que se intensifique o control de entrada de uva nas adegas para evitar as tentacións de embotellar mais alá da produción real vendimada. Unións Agrarias valora o esforzo realizado polo departamento de José González para implicar á oficina de control de fraudes de Medio Rural, xa que por ela pasan as entradas e saída de uvas e viño. E destaca a necesidade de que o traballo deste departamento se coordine de xeito eficiente co dos veedores dos consellos reguladores para evitar duplicidades que resten efectividade.

Por outra banda, Unións Agrarias destaca a necesidade de acadar mecánicas de traballo máis transparente nos CRDOs. Un obxectivo para o que resulta imprescindible que, unha vez rematada a vendima, se certifique unha aprobación de colleita en todas as denominacións de orixe ligando a este dato a posterior expedición de contraetiquetas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias