UUAA ESIXE A RETIRADA INMEDIATA DO LEITE DE SALDO EN ALCAMPO

A organización reclama á INLAC que active o Protocolo antibanalización

A organización Unións Agrarias esixe a inmediata retirada do leite ofertado por Alcampo a prezos de saldo. A organización denuncia unha campaña que incumpre a normativa vixente que recolle o Acordo Lácteo e insta á INLAC a activar o Protocolo antibanalización de xeito inmediato.

Unións Agrarias lamenta que, unha vez máis, o leite volva ser empregado como reclamo, desta volta pola firma Alcampo. A organización considera intolerable a oferta a 54 céntimos da marca LRica. Uns feitos que confirman a falta de compromiso dalgunhas cadeas de distribución cara ao sector primario e os produtores lácteos galegos.

Unións Agrarias, esixe contundencia ao Goberno Galego contra unha actitude completamente irresponsable por parte da distribuidora. E lamenta que sigan a permitirse prácticas que devalúan o valor do produto e sitúan as cotizacións do leite en orixe á cola de España e de Europa.

O sindicato chama aos consumidores e consumidoras a que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiros, que teñen que malvender a súa produción para que os donos de empresas como Alcampo sigan engordando as súas contas de beneficio.

O Protocolo de Banalización forma parte do Acordo lácteo de setembro de 2015 e de acordos posteriores acadados dentro da Interprofesional láctea; cuxo obxectivo é mellorar o funcionamento da cadea de valor do leite e evitar a súa venta a prezos moi por debaixo do considerado prezo sostible. Prácticas que poñen en perigo os elos máis febles da cadea e atentan contra o sustento de moitas familias do rural galego.

A organización agraria volve esixir que as administracións vaian máis aló das grandes declaracións de apoio ao sector e fagan o seu traballo de fiscalización. UUAA reclama iniciativa para rematar cunhas actitudes comerciais devastadoras para a formación dunha cadea de valor xusta para o leite. E anuncia a súa intención de manterse alerta para seguir denunciando publicamente a aqueles centros comerciais ou cadeas que atenten contra a dignidade dos produtores lácteos de Galicia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias