UUAA PIDE MÁIS DOTACIÓN PARA A PREVENCIÓN DE DANOS DE LOBO E XABARIL

Desde xaneiro só o 15% das máis de 1.000 solicitudes presentadas foron aprobadas

Unións Agrarias considera imprescindible que se amplíe a dotación do fondo de axudas para a prevención de danos do lobo e o xabaril. Desde a publicación no mes de xaneiro desta Orde, tan só o 15% dos expedientes presentados foron valorados positivamente, mentres que para o resto se aplicou o silencio administrativo para encubrir a falta de orzamento preciso para atender a demanda.

Coa actual disposición de fondos, que suma un total de 300.000 euros, son moi poucas as explotacións que se poden beneficiar, xa que para a creación de infraestruturas de prevención como valados fixos, mallas electrificadas ou pastores eléctricos so se destinan 160.000 euros; e unha granxa que precise dos tres elementos pode solicitar ata 2.900 euros, co que a contía de posibles beneficiarios é ridícula.

Os restantes 140.000 euros van destinados á adquisición de cans de traballo e garda, cun máximo subvencionable de 500 euros por animal. Unhas cifras que tampouco parecen moi resolutivas, dado o importantísimo nivel de ataques e danos que se están a producir por toda Galicia.

Unións Agrarias exise unha política efectiva e ordenada para loitar contra estas pragas e lembra que a propia Xunta recoñece que, no que levamos de 2019, os avisos por danos do xabaril nos cultivos téñense máis que duplicado con respecto das comunicación rexistradas durante todo o 2018. Motivo polo cal Unións tamén insta ao goberno galego a dar un paso adiante e a implicarse facilitando ao máximo o desenvolvemento das accións de caza

Asemade a organización quere trasladarlle á Xunta a gravidade da situación e a necesidade de introducir cambios no marco legal vixente que permitan a eficacia da caza como unha ferramenta de xestión do medio natural. Unións Agrarias lembra que a tendencia clara dos últimos anos fala dun agravamento no nivel de danos producidos polo xabaril e o lobo na agricultura e na gandeiría, que xa superan os 15 millóns de euros. O mesmo que acontece no que ten que ver cos accidentes de tráfico, con case tres atropelos de xabaríns ao día nas estradas galegas. Uns sinistros que tamén está a ter consecuencias sobre a seguridade persoal, con 4 persoas gravemente feridas polo xabarín en Galicia nos últimos meses.

Máis aló das medidas preventivas que urxe dotar orzamentariamente neste momento, Unións Agrarias ten iniciado tamén unha recollida de sinaturas para levar ao Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular, que a organización agarda poida ser debatida na Cámara autonómica a partir do mes de outubro. O obxectivo de Unións, para o que tamén conta co apoio de tecores, asociación de caza e representantes da industria cárnica porcina, é conseguir unha reforma da Lei 13/2013 de Caza de Galicia, para que esta sexa a última campaña de produción onde agricultores e gandeiros se vexan indefensos ante os danos crecentes do xabarín nas súas explotacións.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias