PARA UUAA OS ANUNCIOS DE FEIJOO CHOCAN COA SÚA PROPIA ACCIÓN

Na “Lexislatura do rural” caeron as axudas e subiron os impostos para os produtores

Logo de escoitar ao presidente da Xunta de Galicia anunciar novamente no Parlamento unha redución de impostos no rural, Unións Agrarias non pode menos que crer que as verbas de Feijóo non se corresponden coa realidade do que foi ata o de agora a súa acción de goberno. A organización agraria pide que a pretendida “Lexislatura do rural” tome forma, aínda que sexa máis de tres anos tarde, e vaia mais aló dunha mera declaración de intencións baleira de contidos. Porque ata o de agora se algo tivo plasmación real foron as caídas das axudas e o incremento de impostos para os produtores.

Así pois chove sobre mollado no que respecta aos “anuncios bandeirín” que logo non se corresponden coa realidade. Así sucede cando se anuncia a incorporación de máis de 600 mozos ás explotacións agrarias, e logo a moitos deles se lles negan as axudas para modernizar as instalacións. E ademais sobre o montante que se lle concede á política recadatoria do Ministerio de Hacienda que insiste en “facer caixa” grazas ás axudas recibidas de Medio Rural naquelas explotacións que rexistraron incorporación de xoves á actividade agrogandeira.

Do mesmo xeito o titular da Xunta nada fixo para frear a sangría económica que supuxo o “catastrazo”ás granxas, que ameaza a supervivencia das familias que viven e traballan do campo, e incluso o dereito á educación dos seus fillos e fillas ao comprometer a adxudicación das bolsas de estudos. Unións Agrarias entendeu sempre esta revisión desproporcionada no caso do Catastro de Rústica, polo que os Concellos teñen que tomar medidas para paliar o seu impacto na actividade agrogandeira, especialmente nos sectores de leite e carne, que atravesan pola súa crise máis grave das últimas décadas.

Por outra banda, nos orzamentos vixentes da etapa Rajoy, aínda segue vixente a redución nun 20% das axudas que destinadas a cubrir o tramo do Imposto Especial de Hidrocarburos para gasóleos agrícolas. E que dicir da falta total de actuación por parte da Consellería de Economía e Industria para poñer couto aos prezos completamente abusivos –ata 55.000 euros- que as empresas eléctricas están cobrado aos gandeiros que precisan incrementar a potencia das súas granxas.

Se algunha redución se produciu nos últimos anos foi no número e na cantidade das axudas para a reconversión de viñedos, onde se está a primar descaradamente ás adegas en contra do modelo social que presenta gran parte da base de produción vitícola galega. Tamén pode apuntar o presidente a redución das axudas aos danos producidos pola fauna salvaxe e ás axudas agroambientais para explotacións de gando de carne en zonas de montaña e desfavorecidas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias