UUAA APOSTA POLA CAZA SOCIAL PARA A XESTIÓN DAS MANDAS DO XABARIL

A organización presentará a PNL aos distintos grupos parlamentarios na próxima semana

Unións Agrarias espera que a Proposición non de Lei sobre reformas urxentes da Lei de Caza de Galicia, presentada o pasado día 4 de outubro no Parlamento de Galicia, e avalada por máis de 6.500 firmas de xentes do rural recollidas en apenas 3 semanas, se debata no mes de novembro dentro do marco da Lei de Acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2020. De forma que permita importantes modificacións urxentes da Lei 13/2013 de Caza de Galicia. Neste contexto, na semana que ven, a organización agraria tomará contacto cos grupos parlamentarios para expoñerlles os contidos da iniciativa na procura dun acordo global.

Así o acaba de expoñer Jacobo Feijoo, responsable de área de Desenvolvemento rural, na rolda de prensa desta mañá na cidade de Ferrol, onde se abordou a problemática dos danos de xabaril na provincia de A Coruña.

A proposta de Unións Agrarias pretende un cambio no enfoque do control das poboacións de xabaril en Galicia, que permita reducir os seus danos e o seu impacto, na agricultura e gandería, onde produce uns danos superiores aos 15 millóns de euros ao ano, e na seguridade viaria, con case 4 accidentes diarios nas estradas de Galicia. A proposta de Unións recoñece o rol da caza e aposta polos cazadores e a caza social galega como principal instrumento de xestión e control da fauna, á vez que propón unha serie de reformas para que esta caza social sexa realmente eficaz. Así entre outras medidas, UUAA está a propoñer:

  • O control das poboacións de xabaril se faga apoiándose na caza social galega, respectando os seus dereitos, pero baixo a dirección e o control indelegables da Xunta de Galicia, quen fixará de forma executiva as densidades de xabaril en cada comarca cinexética de acordo a criterios científicos e técnicos obxectivos que permitan previr a transmisión de patoloxías como a peste porcina africana ou a tuberculose do gando. É impensable que 414 Sociedades de Caza que hai en Galicia, sen coordinación, fixen estes criterios de xeito eficaz.
  • A organización e responsabilidade da execución das esperas, e outras medidas disuasorias e preventivas dos danos do xabaril, durante a época de veda, corresponderá á Xunta de Galicia.
  • Se introducirán as modificacións precisas na Lei de Caza, para que a caza fora de tempada, por control de danos, sexa eficaz como ferramenta de prevención de danos, á vez que segura para os cazadores na súa práctica.
  • Se regularán actividades como os adestramentos dos cans ou os campionatos sen morte, que durante a época de cría deslocalizan aos xabarís do monte cara as zonas habitadas e cultivadas. Estes adestramentos ben regulados poden ser parte da solución e non do problema.
  • As indemnización dos danos aos afectados corresponderá a Xunta de Galicia, salvo que se demostre neglixencia e dolo por parte dos TECOR. É absurdo pretender que os TECOR respondan legalmente duns danos para os que non teñen capacidade económica, porque ao final acaba como na actualidade, en que son os produtores os que se fan cargo dos mesmos coas súas rendas familiares.

Todas estas medidas permitirían unha sensible mellora da situación actual, controlando as densidades do xabaril para previr a posible transmisión da peste porcina africana, reducir os danos na agricultura e gandería, e mellorar a seguridade viaria nas estradas do rural. Asemade permitiría unha xusta indemnización para os afectados polo xabaril, sexan agricultores e gandeiros profesionais, ou persoas que teñen nas súas hortas un complemento de renda importante para a familia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias