O XABARIL PROVOCA GRAVES DANOS NA VITICULTURA DE BEADE

Os produtores barallan deixar as explotacións pola reiteración dos ataques

Moitos dos viticultores do concello de Beade barallan abandonar as súas explotación pola reiteración dos danos do xabaril que están a sufrir nas parcelas en produción. Neste sentido a oficina de Unións Agrarias en Ribadavia ten contabilizado danos en preto de 5 hectáreas nas zonas da Denominación de Orixe Ribeiro.

Os ataques das mandas de xabarís veñen sendo unha constante desde antes da vendima, cando causaron perdas ao estragar parte da produción de uvas. Agora, unha vez colleitadas, os xabarís arrancan a cepas novas plantadas recentemente e tamén afectan os muros e socalcos das fincas.

Os produtores afectados, uns 400 en toda a DO denuncian a falta de actividade dos tecores das comarcas afectadas, xa que o feito de non facer batidas de maneira sostida está a provocar un incremento constante da poboación de xabarís nas zonas produtoras de viño.

Unións Agrarias espera que a Proposición non de Lei sobre reformas urxentes da Lei de Caza de Galicia, presentada o pasado día 4 de outubro no Parlamento de Galicia, e avalada por máis de 6.500 firmas de xentes do rural recollidas en apenas 3 semanas, se debata no mes de novembro dentro do marco da Lei de Acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2020. De forma que permita importantes modificacións urxentes da Lei 13/2013 de Caza de Galicia.

A proposta de Unións Agrarias pretende un cambio no enfoque do control das poboacións de xabaril en Galicia, que permita reducir os seus danos e o seu impacto na agricultura e na gandería, onde produce uns danos superiores aos 15 millóns de euros ao ano. Así como na seguridade viaria, con case 4 accidentes diarios causados por estes animais nas estradas de Galicia. A proposta de Unións recoñece o rol da caza e aposta polos cazadores e a caza social galega como principal instrumento de xestión e control da fauna, á vez que propón unha serie de reformas para que esta caza social sexa realmente eficaz.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias