A organización Unións Agrarias lamenta que a Consellería de Medio Rural non inicie de xeito inmediato medidas de control efectivas sobre a praga das ratas toupa que está a minguar o abastecemento de prados nos concellos de Becerreá e Triacastela.
Segundo se desprende das declaracións do director xeral de Gandaría, José Balseiros, sete meses despois de que os produtores denunciaran os danos aos técnicos da Xunta, aínda están na fase de identificar o tipo de animal invasor.
Unións Agrarias, esixe que os gandeiros non se vexan perxudicados nas inspeccións de campo para o cobro das axudas da PAC que nestes día está a realizar o FOGGA, posto que se os prados se atopan destrozados foi so pola inoperancia da Xunta de Galicia que deixou avanzar a praga sen control pola montaña de Lugo.
UUAA pide que se apliquen mecanismos de axudas similares aos decretados no Principado de Asturias cando no 2017 sufriu un andazo similar de ratas toupa. Naquela ocasión os gandeiros asturianos cobraron 700 euros por Ha nas pradeiras de sega e 380 euros nas pradeiras de pastoreo.
Unións Agrarias non entende a frivolidade do conselleiro de Medio Rural, José González, que cataloga como de “importancia relativa” unha praga que se estende sen control grazas á ausencia de medidas por parte de Medio Rural, que como no caso da vespa velutina ou do xabarín permite que o problema medre sen límites.