UUAA PEDIRÁ Á COMISIÓN O REIXEITAMENTO DA MODIFICACIÓN DO PDR DE GALICIA QUE PRETENDE A XUNTA

Propón recortes antisociais, vulnera principios do procedemento e penaliza as explotacións máis vulnerables das zonas desfavorecidas

Unións Agrarias pedirá á Comisión Europea que rexeite a proposta de modificación do PDR 2014-2020 de Galicia que será elevado a Bruxelas pola Xunta de Galicia o vindeiro 19 de novembro, polo seu carácter antisocial e a vulneración de principios básicos do procedemento na súa tramitación. Unións toma esta determinación despois de coñecer que a proposta oficial que irá a Bruxelas, confirma o recorte dos fondos da Medida 13 “pagos a zonas con limitacións naturais”, contradicindo con feitos as declaración públicas da Xunta de Galicia ao remate do Comité de Seguimento do PDR.

Estas axudas, deseñadas pola Unión Europea que as financia ata o 75% cos fondos FEADER de Desenvolvemento Rural, están sendo fundamentais para as explotacións de montaña que os veñen percibindo, e onde contribúen a compensar aquelas limitacións naturais que diminúen a competitividade das explotacións localizadas nestas zonas, complementando os seus ingresos, que moitas veces están por baixo do nivel de rendas do Salario Mínimo Interprofesional.

Xunto cos pagos das chamadas medidas “Agroambiente e Clima” son fundamentais para remunerar servizos medioambientais da actividade agraria e que benefician ao conxunto da sociedade, beneficios ao ambiente que están fora do mercado ao non compensarse no prezo dos produtos agrarios.

A día de hoxe ao PDR 2014-2020 de Galicia quédalle un ano ordinario dos sete de execución do período de programación, téndose investido apenas un 50% dos fondos europeos do FEADER do mesmo, “un éxito” segundo a Consellería. Por elo é preciso re programar a súa aplicación dentro do chamado período n+3, que permite ampliar a execución retrasada do programa ata o ano 2023.

Por elo esta reprogramación supón unha oportunidade de reforzar aquelas medidas máis necesarias, que máis protexen a renda das explotacións máis vulnerables, e que teñen que ser unha prioridade antes de financiar outros fines como os complementos de orzamentos municipais, ou pago de medios aéreos de extinción de incendios.

Non obstante a Xunta na proposta que enviará a Bruxelas, só garante a continuidade dos pagos de Agroambiente e Clima durante o próximo ano electoral, pero propón financialos co recorte da Media dos pagos ás zonas con limitacións. Un feito que suporá perda de renta neta para estas explotacións nos próximos anos, de non cambiarse a decisión. Ademáis a proposta pretende tamén suprimir as axudas ao Asesoramento ás explotacións, despois de terse desmantelado a extensión agraria pública, e precisamente cando son máis precisas, nun escenario de crise, de reforma da PAC e de aplicación de novas medidas obrigatorias nas explotacións, que teñen que ver coa xestión de residuos, redución de emisións a atmósfera, o coidado do medio natural e o benestar animal.

Por todo elo Unións Agrarias pedirá a Comisión Europea, que rexeite esta proposta de modificación e solicite unha nova pactada co sector de base coa debida interlocución. Sendo as alegacións unha mera formalidade por rematar o seu prazo o 18 de novembro, mentras que o prazo da Xunta para elevar o documento definitivo a Bruxelas rematará o día 19, evidenciando a falta de interese de incorporalas á proposta definitiva.

Unións tamén quere salientar que esta proposta antisocial de reprogramación do PDR, se ten feito con total falta de transparencia, non tendo respostado a Autoridade de Xestión á solicitude formal de reunión da organización agraria a finais de setembro, para informarse deste proceso, e ao negarse a convocar un Consello Agrario extraordinario para pactar e discutir as liñas mestras desta reprogramación.

A única resposta da Consellería, foi convocar o Comité de Seguimento do PDR o último día de prazo posible, Comité onde os axentes sectoriais teñen voz pero non voto, presentar unha proposta pechada, e ameazar co suposto deber de confidencialidade para evitar que se dera a coñecer a existencia destes recortes na proposta oficial que envía a Bruxelas.

O sindicato entende que este desprezo ao diálogo e esta negativa á interlocución co sector de base, supón unha violación do principio “bottom-up” ou “abaixo-arriba” que obriga as administracións a elaborar os PDR en estreita colaboración cos axentes sociais. Feito que tamén lle será exposto a Comisión Europea para a súa toma en consideración.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias