UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA O RECORTE DA XUNTA DAS AXUDAS EUROPEAS Á GANDEIRíA DE MONTAÑA

Solicita á Comisión Europea que non autorice a reprogramación antisocial dos Fondos Europeos do PDR de Galicia que propón a Consellería do Medio Rural

A Xunta de Galicia enviou onte a Bruxelas, no último día de prazo, a reprogramación do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020, necesaria ao ter executado unicamente un 45% dos fondos a un ano da fin do período de execución ordinaria, que remata no ano 2020.

Tal e como viña denunciando Unións Agrarias, esta proposta enviada a Bruxelas, inclúe a cancelación da asignación de 22,88 millóns de euros, que estaban programados para ser percibidos antes do 2020, polas explotacións gandeiras fundamentalmente de montaña, e que na práctica suporá que deixen de recibir unha media de 3.821,89 euros por explotación; e de 505,81 euros para as situadas en zonas con limitacións naturais distintas de montaña, (22,88 M€/12.790 explotacións únicas beneficiarias en 2018 = 1.793,10€/explotación).

Estamos a falar do recorte dos fondos da Medida 13 do PDR de Galicia, pensados pola Unión Europea para compensar os problemas de competitividade que teñen que enfrontar explotacións europeas que, como as do interior de Lugo, Pontevedra, ou Ourense, se ven afectadas por limitacións naturais por razóns de altitude, orografía ou outras. E que se non recibisen algún tipo de axuda compensatoria quedarían fóra do mercado e terían que pechar, ao non poder repercutir os seus custos de produción nos produtos como o leite, ou especialmente a carne. Uns produtos cuxos prezos están estancados dende hai 30 anos, mentres se teñen multiplicado os custos de produción.

Esta decisión da Xunta de recortar a percepción de 22,88 millóns de euros a 12.790 explotacións que os tiñan que ter cobrado con límite en decembro de 2020, culmina o esperpento da reprogramación dos fondos do PDR, feita sen interlocución cos representantes dos agricultores e gandeiros, e ignorando as solicitudes de reunións informativas de Unións Agrarias feitas tanto á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural como ao Consello Agrario galego. Esta negativa á interlocución supón unha flagrante violación do principio de bottom-up, ou abaixo-arriba, da Unión Europea, que obriga a consultar aos axentes sociais e sectoriais do rural para fixar os obxectivos e prioridades dos PDR e das súas modificacións substanciais.

Asemade Unións denuncia a política de feitos consumados que supón recibir as alegacións das organización agrarias o día 18 de novembro, para enviar a proposta de modificación á Comisión ao día seguinte 19 de novembro, despois de ter esgotados os prazos fixados pola Comisión Europea para remitir a proposta, con data inicial o 18 de agosto. Un xeito de proceder que evidencia ás claras a falta de interese da Xunta por negociar e tomar en consideración as aportacións dos socios do Comité de Seguimento do PDR, sí como o desprezo as súas alegacións.

Por elo, e polo contido antisocial de propostas como o recorte desta Medida de pagos compensatorios ás explotacións que máis precisan de apoio á súa renda para non pechar, Unións Agrarias ten solicitado nas súas alegacións que a Comisión rexeite de plano esta proposta da Xunta e a force a negociar as prioridades e obxectivos da reprogramación cos axentes do sector rural e agrogandeiro.

Unións Agrarias rexeita que a falta de prioridades nas propostas de Medio Rural faga que se poidan pagar medios aéreos dos incendios forestais, ou desbroces para as “aldeas modelo”, cos fondos europeos do PDR, mentres se lle quitan 3.821,39 euros de media a cada explotación de montaña, e 505,81 euros de media a cada explotación con outras limitacións naturais, ingresos que tiñan que ter percibido antes do fin de decembro de 2020.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias