O 27 de agosto achegámonos a Ourense. Unha provincia que acapara 489 das 2.600 denuncias por danos do xabaril rexistradas no que vai deste ano. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, acompañado polos responsables das oficinas de Viana e Ribadavia, María Páez e Carlos Basalo, denuncia o desleixo da Xunta e urxe a implicación do goberno autonómico nunha problemática que vai a máis, e que está a supoñer un problema engadido para as explotacións agrogandeiras do noso rural.
En rolda de prensa, Roberto García denuncia que non pode ser que se destinen 800.000 euros públicos a unha problemática que xera danos por un valor aproximado de 19 millóns, entre accidentes de tráfico e destrozos no campo. “As estradas galegas rexistran tres accidentes diarios causados polo xabaril. E agricultores e gandeiros están a asumir dos seus petos os estragos nas colleitas”, lamenta.
O secretario xeral destaca que as denuncias por danos do xabaril rexistradas no que vai deste ano multiplican por sete as de todo o 2018. “É urxente analizar os datos e ver o volume de poboación que pode ser xestionada de xeito que se garanta a convivencia harmónica destes animais, o medio natural e as persoas.A Xunta debe actuar consecuentemente. Non pode ser que non se asuma a xestión pública dunha poboación que segundo todas as evidencias vai en aumento. E que ao mesmo tempo a administración se desentenda dos danos e obrigue a cazadores, agricultores e gandeiros a cargar co problema”.