Percorremos Galicia para falar de leite, fauna salvaxe e PAC

No mes de outubro iniciamos unha intensa rolda de contactos pola xeografía galega, con para falar cara a cara cos nosos agricultores e gandeiros dos problemas que lles afectan. A posibilidade de que as axudas para agroambiente e clima e zonas desfavorecidas e de montaña da PAC se conxelen ata 2024 é un dos que máis nos preocupan. Unha ameaza que queremos evitar, e na que estamos a traballar. Non esquecemos tampouco as complicacións derivadas da fauna salvaxe e a necesidade de conseguir unha reforma lexislativa que force á Xunta a facerse cargo da xestión do xabaril. Nin a posibilidade de que os produtores de leite reclamen ás industrias lácteas o importe das rendas que estas lles furtaron ao pactar de xeito ilícito prezos á baixa durante alomenos 13 anos.

No período 2014-2020 da PAC Galicia devolveu 120 millóns á UE. A nosa proposta pasa por modificar o destino dos fondos do PDR que, a un ano de que remate o prazo para facelo, seguen sen executar. Dese xeito Galicia podería evitar que os agricultores e gandeiros deixasen de cobrar unhas axudas fundamentais para a súa subsistencia entre 2021 a 2023. Falamos de máis de 10.000 afectados en Galicia, que son precisamente os que máis axuda precisan. Os responsables de explotacións de zonas de montaña que máis difícil teñen saír adiante. Agora o presidente da Xunta ten a oportunidade de demostrar o seu compromiso real co rural. Hai fondos dispoñibles. Unicamente é precisa vontade política para que as explotacións non perdan 45 millóns de euros en axudas.

 

 

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias