Unións Agrarias pide que a Consellería de Medio Rural dote adecuadamente de persoal as oficinas agrarias para que se poidan tramitar de xeito seguro as solicitudes de axudas para plans de mellora que nestes días están sendo revisadas polos funcionarios; de xeito que sexa posible efectuar o pagamento neste 2019 e non ter que agardar a que Intervención volva a abrir o exercicio o ano que ven.
Dado que a fin do prazo para a tramitación dos expedientes remata o vindeiro 29 de novembro, o persoal administrativo da Xunta manifesta a imposibilidade de concluír a tramitación cos medios que pon á súa disposición o centro administrativo de San Caetano.
Unións Agrarias lamenta a continua cadea de despropósitos que se dan arredor desta convocatoria de axudas. E é que a organización xa tivo que denunciar no seu día que os prazos de presentación de expedientes era escasos; debido aos retrasos que se deron á hora de publicar a orde; e que poñían en risco o ingreso case 10 millóns de euros en financiamento para as explotacións.
Hai que lembrar que estes fondos proveñen fundamentalmente dos orzamentos da UE –suman máis de 7,8 millóns do total dos ingresos perdidos- e en menor medida do Ministerio de Agricultura, con 787.500 euros. E tamén que a contía media por explotación é de 150.000 euros, co que iso supón de investimento indirecto nas comarcas.
As explotacións galegas están facendo un enorme esforzo para ser o máis eficientes posible a pesares dos baixos prezos tanto en leite como en carne, apostando por continuar na actividade e sendo a garantía de mantemento dun rural vivo. Pero para iso necesitan realizar investimentos case constantes nas súas explotacións: para mellorar o benestar animal, reducir custos, en realación ás esixencias medioambientais, etc. Polo que esta liña de axudas é fundamental.