Unións Agrarias denuncia a decisión da Xunta de Galicia de reducir o xa escaso orzamento destinado a axudas polos danos derivados da praga da couza guatemalteca. Un recorte que acada o 25%, a pesar de que a superficie afectada é cada vez maior.
Na actualidade hai 60 concellos afectados e coa produción de pataca suspendida. Unha situación que se traduce en miles de parcelas sen colleita. Para todos eses produtores, a Consellería do Medio Rural ten previsto un investimento irrisorio de 75.000 euros; o que supón unha irresponsabilidade que sen dúbida vai causar a continua extensión da praga.
Para Unións Agrarias resulta imprescindible unha maior vontade orzamentaria que inclúa o lucro cesante derivado da imposibilidade de plantar patacas nas zonas afectadas. Unha medida ineludible para atallar a praga coas maiores posibilidades de éxito. Segundo os cálculos da organización agraria, a partida que tería que dispoñer o goberno galego –uns 3,5 millóns de euros para cubrir unha demanda dunhas 180.000 toneladas de consumo-, resulta pequena se se teñen en conta os danos económicos aos que habería que facer fronte se a praga non se contén e chega ás zonas de produción de pataca para comercialización. Unha ameaza que xa está presente en Coristanco.
Unóns Agrarias tamén pon de manifesto a necesidade de que se faga público o traballo da Comisión de seguimento que o Parlamento ordenou abrir sobre esta praga a Medio Rural, posto que a falta de datos coñecidos fai pensar na escasa dimensión dos traballos acometidos.
Finalmente, a organización volta insistir na necesidade de que a Xunta pida á Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) un seguro específico sobre a praga que poida afectar aos profesionais do sector.