UUAA CULPA AO DESLEIXO DA XUNTA DO NOVO BROTE DA COUZA DA PATACA EN BERGANTIÑOS

As políticas orzamentarias raquíticas de Medio Rural na loita contra a praga demostraron ser ineficaces e só propagandísticas

O anuncio da Consellería do Medio Rural da próxima publicación no DOG da infestación da produción de pataca pola couza guatemalteca en parroquias de Laracha e Carballo fai saltar todas as alarmas no sector polo risco que supón para unha das zonas produtivas de maior calidade dentro da IXP Pataca de Galicia.

Desde a organización agraria laméntase que a extitular da Consellería de Medio Rural, Ángeles Vázquez, se entregara a un triunfalismo sen bases sólidas para afirmar a total erradicación da praga coa ansia propagandística de tapar os problemas con anuncios baleiros de contido, como no caso do xabaril, a vespiña do castaño.

Tal como xa advertira Unións Agrarias, a falta dun orzamento que garantise a cobertura do lucro cesante das explotacións de autoconsumo que vían pechada a posibilidade de sementar ía a traer consigo que se deran fugas nos pretendidos illamentos das zonas afectadas pola praga, tal como ocurreu.

A proximidade dos novos brotes á zona de Coristanco pon en grave risco un sector que é un puntal económico na comarca e unha das principais fontes de emprego na zona de Bergantiños.

UUAA pide a convocatoria inmediata da Mesa da pataca de Galicia para que se informe ao sector e se poña en marcha un plan ordenado e serio para unha erradicación real da couza guatemalteca. Para a organización agraria non é de recibo que os produtores só poidan coñecer a situación a través dos medios de comunicación e non dunha fonte directa da administración.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias