UUAA INSTA Á XUNTA A ACTUAR CON RIGOR NA VALORACIÓN DE DANOS NA PRAGA DAS RATAS TOUPA DA MONTAÑA DE LUGO

Ante a recollida de “denuncias en b” iniciada pola delegada de Medio Rural

Unións Agrarias insta á Consellería do Medio Rural a actuar con rigor na toma de datos para a valoración das superficies danadas pola praga das ratas toupa. Faino logo do recollido polos medios de comunicación respecto da proposta da alcaldesa de Triacastela e delegada de Medio Rural na provincia de Lugo, Olga Iglesias, que propón que sexan os propios afectados os que se despracen ás zonas afectadas para avaliar os danos.

Esta sorte de “denuncias en b” carece do máis mínimo sentido administrativo e de todo valor, posto que se trata dunha simple folla cuadriculada sen ningún logotipo nin selo da Xunta de Galicia, nin vai dirixido a ningún departamento da Administración. Nestas follas irregulares de recollida de datos os gandeiros deben anotar as medicións, e logo deben acompañar outro documento onde os afectados deben asinar para autorizar o tratamento dos seus datos facendo referencia a unha lei, (lei orgánica 15/1999) xa obsoleta, pois actualmente está en vigor a Lei orgánica 3/2018 de 5 de decembro.

Unións Agrarias lamenta que, ademais de simular unha preocupación que non ten polos danos, Medio Rural continua co seu empeño de desmantelar todos os servizos no campo galego, ata o punto de que os propios gandeiros teñen que actuar como técnicos e avaliar o impacto da praga de rata toupa da montaña de Lugo para intentar dilatar o problema esperando que o frío acabe con el.

Xa non chega con desmantelar as oficinas agrarias e deixalas sen persoal, senón que tampouco se manda xa aos técnicos ás zonas afectadas para realizar medicións con valor administrativo para poder dar solucións en tempo e forma. Así as cousas, a organización agraria lamenta que a Xunta de Galicia estea a utilizar o mesmo sistema que empregou co problema da couza da pataca, cando despois de mirar para outro lado atopámonos con novos brotes que poden estenderse a grandes zonas produtoras como Coristanco. O que no seu día puido quedar reducido a 5 concellos acabou afectando a máis de 60.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias