A XUNTA RECORTA 13 MILLÓNS DE EUROS EN AXUDAS A ZONAS DE MONTAÑA E DESFAVORECIDAS DO PDR DE LUGO ATA O 2020

Os fondos para os próximos tres anos están sen comprometer con Bruxelas

Unións Agrarias ven de denunciar en rolda de prensa o impacto do recorte nas axudas a percibir por agricultores e gandeiros da provincia de Lugo que supón a proposta de modificación do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 enviada pola Xunta a Bruxelas o pasado 19 de novembro. Unha proposta de modificación da que o goberno galego retirou 22,88 millóns de euros inicialmente previstos para ser ingresados ata decembro de 2020 ás explotacións situadas en zonas con limitacións naturais, como as de montaña, dentro da chamada Medida 13 do PDR, ou “Pagos a Zonas con Limitacións Naturais e outras limitacións específicas”.

A modificación impulsada pola Xunta de Galicia suporá un recorte de 13,22 millóns de euros na provincia de Lugo. Unha contía que debera estar ingresada nas contas das explotacións con data límite de decembro de 2020, segundo estaba programado e aprobado antes da proposta de reforma enviada a Bruxelas hai escasas semanas. Un cambio que privará a 3.058 explotacións familiares da provincia de Lugo de percibir 12,7 millóns de euros en concepto de axudas a explotacións de montaña; e a outras 3,653 de percibir 2,25 millóns de euros en concepto de axudas a zonas con limitacións naturais distintas de montaña. En total 6.711 familias ás que o goberno galego nega o seu dereito a acceder a axudas europeas.

Con este proceder, o goberno galego prexudica especialmente ás comarcas do interior e da montaña, onde as explotacións de concellos como Guitiriz ou Láncara verán recortados 1.040.00 euros e 974.00 euros respectivamente. Outros exemplos notables serían concellos de montaña como Cervantes, onde 123 explotacións familiares deixarían de percibir 512.000 euros; ou Becerreá, onde 113 explotacións percibirán 470.000 euros menos. Recortes importantes nas economías familiares destas zonas que precisan das axudas complementarias de reforzo á renda para sobrevivir. Unhas axudas que deberan ser unha prioridade para a Xunta de Galicia, se é que realmente está interesada en procurar a viabilidade do rural; pois precisamente foron deseñadas pola Unión Europea para compensar perdas de ingresos e custes adicionais por limitacións naturais.

Unións Agrarias denuncia igualmente que a proposta de modificación da Xunta enviada a Bruxelas garante unicamente a continuidade desta liña de axudas para o vindeiro ano electoral 2020, fiando o futuro das axudas máis aló desa data a reformas do Orzamento da Comisión que aínda non están definidos nin aprobados no seu detalle, e que poderían non estar en prazo. No anterior período de programación esta mesma estratexia da Xunta supuxo que non se puideran convocar as Axudas Agroambientais durante dous anos. Unha situación que podería repetirse tanto no que respecta á Medida 13 do PDR, Pagos a Zonas con limitacións Naturais a partir do ano 2021, como á Medida 10 para Agroambiente e Clima.

Así, de fallar a proposta de refinanzamento para os anos 2021, 2022 e 2023, como sucedeu no período transitorio dos anos 2014 e 2015, estas axudas quedarían sen convocarse por falta de respaldo financeiro. Polo tanto de fallar as previsións da Xunta para a renovación destas axudas, como nos anos 2014 e 2015, as explotacións de Lugo perderían arredor de 5.200 euros por cada ano de retraso para a súa posta en marcha.

Non se entende porque a Xunta ten asegurada a execución das distintas medidas do PDR ata o ano 2023, co remanente de fondos non executados do período 2014-2020, deixando fora desa programación precisamente estas dúas Medidas 10 e 13 do PDR que supoñen pagos complementarios que reforzan as rendas das explotacións máis vulnerables da provincia, especialmente nas zonas de montaña, e que en moitos casos teñen unha rendibilidade inferior ás rendas de referencia do SMI, Salario Mínimo Interprofesional.

Por todo elo Unións Agrarias xa solicitou da Comisión Europea que rexeite a proposta de modificación do PDR de Galicia 2014-2020 enviada pola Xunta a Bruxelas o pasado 19 de novembro.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias