Por unha PAC máis xusta que prime a actividade de agricultores e gandeiros

Na semana do 16 de decembro Unións Agrarias recibiu a visita do secretario xeral da Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos-UPA, Lorenzo Ramos, que durante tres días se interesou polas problemáticas que afectan ao rural galego e participou en distintas actividades xunto ao responsable de Unións Agrarias, Roberto García.

Os distintos encontros mantidos con gandeiros e agricultores de Galicia, como o celebrado na cooperativa Cobideza, en Lalín, ou o que se produciu con asociados de Unións en Santa Comba, serviron para que o responsable da UPA Federal explicase a decidida aposta da organización por unha PAC máis xusta e economicamente ben dotada, que realmente sirva para promover a actividade agrogandeira e que vaia aos petos dos que realmente traballan e manteñen vivo o rural.

Lorenzo Ramos deixou sobre a mesa o compromiso da UPA de traballar e manter as presións, ante o goberno central e en Bruxelas, para conseguir unha Política Agrícola Común que permita facer fronte á grave crise de prezos que afecta a todos os sectores agrícolas e gandeiros no estado. Así como para frear a intención de optar pola vía dos recortes orzamentarios que algúns países xa puxeron sobre a mesa en Bruxelas. Un camiño que, tal e como destacou o secretario xeral, implicaría asinar a acta de defunción da agricultura e da gandeiría en Europa.

Tanto Ramos como Roberto García reafirmaron a intención de Unións Agrarias e da UPA de avanzar cara a criterios estatais que garantan un reparto xusto e equitativo dos fondos da PAC. Un modelo que se aplique de xeito homoxéneo en función das características das explotacións, independentemente da Comunidade Autónoma na que estas estean ubicadas; e que remate cos dereitos históricos dos grandes propietarios, que acaparan arredor da metade do orzamento comunitario polo mero feito de posuír unha terra que non traballan. “Temos que avanzar cara a unha PAC que prime a agricultura e a gandeiría tradicionais e que vaia aso petos dos que realmente traballan e contribúen a manter o noso rural vivo”, reivindicaron ambos secretarios. Que tamén destacaron a necesidade de que as administracións se involucren de xeito activo para rematar cos bulos que pretenden culpabilizar ao medio rural do cambio climático; e para poñer en valor o fundamental papel medioambiental da actividade agrogandeira.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias