Unións Agrarias valora positivamente a filosofía do avance da proposta da Lei de recuperación de Terras trasladada polo conselleiro do Medio Rural, José González, no último Consello Agrario. Unha norma que pode ser eficaz para favorecer a mobilidade en zonas abandonadas, pero pouco imaxinativa para aquelas comarcas máis produtivas e nas que hai maior presión polo acceso á terra. A organización agraria tamén bota en falla unha maior concreción no articulado normativo, na proposta orzamentaria e nos prazos de execución.
Para Unións Agrarias a importancia dunha problemática de primeiro nivel como é a falta e o abandono da terra, -neste momento hai máis de 600.000 hectáreas de superficie agraria útil a ermo-, debe de ser abordada desde un plano integral. Pero, tal como xa esixiu UUAA, sen abandonar a finalización das concentracións parcelarias que están en marcha e o inicio daquelas que sexan de especial interese para o mantemento e expansión da actividade agraria en determinadas comarcas.
UUAA felicita o cambio de criterio da Xunta respecto do mantemento das axudas Agroambientais para o 2020. E lembra que foi grazas á presión exercida pola organización,-nos orzamentos remitidos ao Parlamento non figuraban estas axudas- que foi posible solicitar un informe á USC que avaliaba o criterio de que, no caso de adiantar os fondos Medio Rural, éstes poden ser compensados a posteriori con partidas comunitarias. Unha posibilidade que permitirá lanzar a convocatoria das liñas en 2021.
Porén, a organización agraria rexeita frontalmente que non se ingresen nas contas das explotacións de montaña e zonas desfavorecidas os 22 millóns de euros xa comprometidos, ao manter Medio Rural a reprogramación mandada a Bruxelas. Para Roberto García, secretario xeral de UUAA esta situación evidencia “ a falta de compromiso real cunhas comarcas en especial risco de colapso económico, demográfico e social, polo que seguiremos a dar a batalla para conseguir que se restitúan os seus dereitos”.
No que respecta ao sector lácteo, desde Unións Agrarias valórase moi positivamente o compromiso acadado por parte da Xunta para que a partir de xaneiro haxa observadores/mediadores públicos nas negociacións do prezo do leite entre as industrias e a organización de produtores ULEGA. Unha figura que permitirá avanzar no equilibrio da cadea de valor da produción. Do mesmo xeito, UUAA incide na necesidade de buscar fórmulas que impidan recibir axudas públicas a aquelas industrias que manteñan impagos cos gandeiros.
A organización agraria congratúlase de que Medio Rural se sume ás reclamacións das organizacións agrarias ante as situacións de inxustiza contributiva nas que se vían moitos gandeiros e agricultores á hora liquidar impostos e taxas coa AEAT e a Seguridade Social. Ate o de agora, os produtores só dispoñían dos servizos xurídicos de UUAA para reclamar por vía xudicial contra os abusos impositivos.
Finalmente Unións Agrarias, esixe coñecer o estado nos que se atopan as demandas efectuadas por UUAA contra as plantacións forestais ilegais en terras agrarias, posto que a falta de información sobre as mesmas provoca unha clara indefensión para os afectados.